Antón Masa
Carta aberta da APDR a Jacobo Moreira
Sr. Moreira:
Pasado xa un tempo prudencial desde as pasadas eleccións municipais, un tempo que entendemos debe permitirlle facer valoración dos resultados e –xa que logo- buscar explicacións ao que non se pode cualificar máis que como desfeita electoral sufrida pola candidatura encabezada por Vde. en Pontevedra, desde a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) querémoslle facer chegar publicamente algunha das nosas reflexións coa esperanza de que lle poidan facilitar esta tarefa.
Tal e como temos denunciado no seu momento, tomou Vde. a determinación de tirar a careta que o seu partido viña presentando á veciñanza da comarca e apostar abertamente pola permanencia de ENCE e ELNOSA na Ría de Pontevedra. E facíao en nome da necesidade de creación de emprego e dunha suposta perda de peso da oposición social ao complexo contaminante. Vese agora, Sr. Moreira, que foi unha decisión errada ao non concordar coa realidade. Esquece Vde. que unha maioría importante sabe que ENCE e ELNOSA son o verdadeiro obstáculo á creación de emprego na comarca e que, despois de 50 anos de destrución dos recursos naturais e dos postos de traballo do marisqueo, a pesca, o sector forestal e o turismo, non foron quen de crear a riqueza prometida a cambio; que sabe que mesmo dos máis de 600 postos de traballo iniciais no complexo, teñen pasado hoxe a uns escasos 300.
E como consecuencia deste cambio de posición, sufriu o PP a perda dun importantísimo número de votos e de catro concelleiros no Concello de Pontevedra pero, tamén, a perda da Deputación provincial desde a que o seu correlixionario, o Sr. Louzán, abrazou –como Vde.- a bandeira da defensa dos intereses particulares de ENCE en contra do interese xeral do conxunto da veciñanza.
O pasado domingo 24 de maio coñecemos os resultados da –como adoitan dicir Vds.- “única enquisa válida”, o resultado da voz do pobo que falou nas urnas. E unha importante maioría social (algo máis do 63 % en Pontevedra e do 60 % no conxunto da comarca) expresou a súa oposición ao complexo industrial de Lourizán ao votar a aquelas forzas políticas que propuñan o fin da súa presenza na Ría.
Estes resultados, Sr. Moreira, deberíanlle facer reflexionar sobre a necesidade de defender os dereitos da maioría, o dereito ao traballo na Ría, no monte e no turismo ben entendido; o dereito á saúde e á calidade de vida e á creación de postos de traballo derivados da explotación racional destes sectores, fronte á destrución do medio ambiente e dos recursos naturais; pero tamén, sobre a necesidade de esixir ás empresas do complexo o cumprimento da lexislación medio ambiental que hoxe –grazas á absoluta conivencia entre a Xunta do PP e os directivos de ENCE- incumpren.
Recollen os medios de onte mesmo que o PP proponse coñecer a razón desta desfeita electoral e que Vde. vaise reunir cos colectivos sociais da cidade; claro, con aqueles colectivos cos que se reuniu antes das eleccións e lle amosaron o seu apoio! porque Vde., Sr. Moreira, só quere escoitar as voces daqueles que aplauden as súas posicións, dos estómagos agradecidos de ENCE que tan sabiamente lle aconsellaron na campaña. Porque Vde. segue sen querer escoitar que a veciñanza de Pontevedra non quere aturar por máis tempo a pestilente fábrica en Lourizán, e négase a crer que tamén moitos dos seus votantes, desas máis de 5.000 persoas que non votaron PP desta volta, manteñen esa posición.
Pero, tranquilo, Sr. Moreira, Vde. siga aferrándose a ese modelo económico do pasado franquista, ese modelo depredador da natureza, a calidade de vida e a economía de cuxo fracaso ENCE e ELNOSA son exemplos paradigmáticos; siga apostando pola defensa do interese privado fronte ao do conxunto da cidadanía; con seguridade conseguirá –se o tempo e o seu partido llo permiten- alcanzar maiores cotas de fracaso en vindeiras oportunidades. Mentres, nós seguiremos mobilizándonos porque A RÍA É NOSA E NON DA CELULOSA!
Reciba un saúdo,