Manuel Pérez Lourido
Black Stones forever
Veño de ver aos Black Stones na Ferrería. Festa rachada polo premio Hábitat, ese que lle tocou nunha tómbola ao Concello (e seguramente por iso renegan del algúns). Había mais cola nas tres grazas do Nazareno, pero é que a cousa está mais para suplicar que para músicas. O caso é que xa viña sendo hora de ver aos Black Stones, e non podo dicir o mesmo que certa fermosa modelo de Vargas Llosa, que disque nunca tivera a sorte de lelo. O caso é que cando vin no escenario a cinco guitarristas (catro eléctricas, unha acústica e un baixo) mais o batería, quedeime aínda mais frío (Marzo, abrigo e pan trigo). Onde estaba o Hammond? Non teñen Hammond? Marcho, pensei. Hai certas cousas coas que hai que saber ser taxativo, e o rocanrol é unha delas.
Empecei a rosmar polo baixo. "Non se pode facer revival sen un bo hammond". Que fas?, dixo a miña dona. Nada, rosmo, dixen eu. E tocaron por Beatles. Tocaron varias dos mociños de Liverpool e dixeron que se sentían ben con "I feel fine". Tamén o "Have you ever seen the rain" dos Credence, "I'm a believer", a xoia que compuxera Neil Diamond e fixeran brillar The Monkees, dos Iberos "Hiding behind my smile"...
Presentaban as cancións e ti escoitabas unha ilusión xuvenil, unha devoción ao enuncialas... boas voces, inglés mais que decente, son exquisito... mágoa do frío! Ao meu carón unha muller estábase poñendo cada vez mais tesa, ata que reparei en que era a miña. Só unha mais, dixen. E van e presentan unha de Crosby, Stills and Nash. E vai e era "Wasted in the way". Un temazo dos oitenta, dun álbum que pasou con moita mais pena que gloria. Non daba creto. Estes tipos son uns cracks, pensei. Se chegan a ter o Hammond fágome fan, pensei. Pero fíxenme igual.
E lisquei para casa, para desconxelar á miña dona e contarlles isto a vostedes. Black Stones, amigos. Se queren ver o espírito do rock and roll, alive and kicking como dicían os Simple Minds, non se perdan os bolos desta xente.