Andaríns do Val do Lérez
Víbora de seoane. Vipera seoanei. Víbora de seoane
Especie: Corpo pequeno, de cabeza triangular ensanchada na parte posterior. Pupilas verticais. Na parte posterior da cabeza ten dúas bandas en forma de V co vértice apuntando para adiante non sempre unidas entre si. Ten unha mancha escura dende o ollo ate o pescozo. A coloración máis común é a de cor ocre ou castaño claro con deseños marróns. O debuxo dorsal soe ser unha banda vertebral ancha e marrón, con manchas escuras bordeando a marrón e facendo un zigzag. Nos costados tamén ten manchas escuras redondeadas. Ten fociño entre achatado e redondeado, sen o ápice levantado.
Hábitat: Zonas de uceiras ou toxeiras. Podémola atopar en zonas húmidas como poden ser as brañas, e tamén en zonas secas e soleadas, en piñeirais, prados, terras de labor, bordos de camiños. Ás veces incluso se poden ver nalgún río.
Tamaño: Entre 45 e 60 Cm.
Curiosidades: Na tempada de máis calor pode estar activa pola noite, co cal pode resultar máis difícil de ver. Aínda que gusta de lugares secos e soleados, durante o dia acostuma estar á sombra dos toxos, sen que lle teña que dar o sol directamente. Cando se fala da víbora de seoane, temos que ter en conta que pode aparecer con diferentes coloracións, e quixémolas mostrar no debuxo para que non teñamos confusión e levemos unha sorpresa desagradable cando nos topemos con ela. Debido a que é unha das especies velenosas que temos en Galicia, é aconsellable sempre gardar unha distancia de seguridade con respecto a elas. (Como distancia de seguridade mínima, podemos calcular o seu tamaño e gardar esa mesma separación entre ela e nós).
Veleno: As víboras teñen os dentes inoculadores na parte dianteira da mandíbula superior, polo cal pode inxectar ben o seu veleno. Estes dentes son ocos como se fosen xiringas. O seu veleno non adoita ser de elevada toxicidade, pero si require de tratamento médico, sobre todo nos nenos, os enfermos e as persoas maiores ou dependendo da zona do corpo na que te pique.
Ameazas: Os incendios forestais, os atropelos nas estradas ou pistas forestais, e os humanos que teñen unha formación cultural equivocada.
'Réptiles que podemos atopar preto de Pontevedra'. Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro membros da Asociación Andaríns do Val do Lérez