Tribuna Viva
FETE-UGT pide que o profesorado recupere o 100% das pagas extra
FETE-UGT Galicia solicitou a mediación do Valedor do Pobo ante a Xunta para que o profesorado recupere o 100% das pagas extras do 2015, despois de dous anos consecutivos con redución das devanditas retribucións.
O sindicato presentou un escrito ante o Valedor explicando que no proxecto de Lei dos Orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2015 volve a repetirse a situación dos dous anos anteriores, que se consideraba unha medida temporal para o cumprimento das obrigas de estabilidade económica. No proxecto presentado ao Parlamento Galego novamente "non se establece a retribución do complemento específico nas pagas extraordinarias", tal e coma aparece recollido no Estatuto Básico do empregado Público. Segundo este estatuto o importe a recibir polos funcionarios viría dado polo importe total correspondente a soldo, trienios e complementos específico e de destino. Nestes dous últimos anos non se incluíu o complemento específico e o mesmo sucede no proxecto de orzamentos presentado polo Consello da Xunta para o 2015.
En opinión desta central sindical esta actuación da Xunta "conculca o principio de igualdade consagrado no artigo 14 da Constitución Española, en tanto se está a tratar de xeito diferente a estes funcionarios con respecto ao resto".
Por todo isto, FETE-UGT Galicia acude ante o Valedor do Pobo para solicitar que inste a Xunta a adoptar as medidas necesarias para corrixir esta situación. Pero, esta organización vai máis lonxe e, no caso de que o Parlamento Galego aprobe por Lei esta redución, pide ao Valedor que "se dirixa ao Defensor del Pueblo para que interpoña recurso de inconstitucionalidade en canto á eliminación do complemento específico nas pagas extraordinarias do persoal funcionariado docente".
FETE-UGT GALICIA