Tribuna Viva
A APDR ante o suicidio dunha persona electrohipersensible
Ante o suicidio o mércores 28 de novembro de Ángela Jaén, veciña de Pinto, Madrid, electrohipersensible (EHS) e afectada na súa vivenda polas antenas de telefonía móbil, A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) participou como grupo membro na asemblea da Plataforma Estatal Contra a Contaminación Electromagnética (PECCEM), onde tódolos grupos que a representan, en especial, as asociacións de persoas afectadas pola electrohipersensibilidade (EHS), solidarízanse coa familia e compañeiros-as de Ángela Jaén, lamentan este doloroso suceso e fan un chamamento ás autoridades para que tomen partido pola saúde pública e atendan á urxente situación das persoas afectadas pola contaminación electromagnética.
Só así se evitará que outras persoas afectadas, na súa desesperación ante a indiferenza oficial polo seu estado de saúde e a degradación das súas condicións de vida (sanitarias, laborais, culturais, sociais, de vivenda, etc.), sigan o camiño desta compañeira madrileña.
Desde o traballo cotián das nosas organizacións, cónstanos que lamentablemente non estamos ante o primeiro caso de suicidio asociado á contaminación electromagnética. E o grave é que diariamente atendemos cada vez máis casos de persoas que se atopan en circunstancias similares ás sufridas pola nosa compañeira Ángela Jaén e a súa familia.
Porque a súa traxedia sexa a última, polos nosos dereitos, pola saúde de toda a poboación, instamos á aplicación urxente do Principio de Precaución e ao recoñecemento da EHS como discapacidade funcional, como se fai en Suecia e como recomendan o Consello de Europa, o Parlamento Europeo e a Axencia Europea de Medio Ambiente.
Tendo en conta de que este luns 3 de decembro celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, denunciamos a irresponsabidade das administracións públicas ante a violación dos dereitos humanos e a situación límite destas persoas discapacitadas funcionalmente polo despregamento caótico de todo tipo de dispositivos emisores de radiofrecuencias.