Tribuna Viva
A FANPA sobre os libros de texto
A Federación de Asociacións de Nais e Pais (FANPA) considera que os libros de texto que se utilizan na actualidade son perfectamente válidos e deben seguir sendo durante un mínimo de seis anos desde o curso para o que foron adquiridos tal e como se aprobou pola Xunta de Galicia.
Os cambios curriculares non son cambios esencialmente de contidos, senón de enfoque.
Existen desigualdades: nalgúns centros cambian todos os libros nos cursos nos que se aplica a LOMCE e noutros centros mantéñense os vixentes.
Existen grandes dificultades das familias para asumir custos pola adquisición dos libros de texto e materiais.
Os Bancos de Libros, que se crearon fundamentalmente dende as ANPA deben seguir sendo usados porque supoñen un capital social que debe ser respectado e defendido e son un exemplo de cooperación e de solidariedade das familias organizadas nas asociacións dos centros educativos.
Polo anterior, a FANPA insta:
- Ao mantemento de todos os libros de texto actuais ata que todos e cada un deles sexan utilizados seis cursos escolares.
- A potenciar os Bancos de Libros existentes nos centros educativos e nalgúns concellos para conseguir que todo o alumnado poida acceder a eles baixo a fórmula de préstamo, intercambio ou reutilización.
- A recuperar a gratuidade dos materiais curriculares, (libros de texto, etc).
A Xunta Directiva da Federación anima as ANPA federadas de toda provincia a que promovan este debate e este tipo de declaracións e resolucións nos seus consellos escolares de centro e nos municipais correspondentes.