Manuel Pérez Lourido
Mexar fóra do penico
Pódese facer por dúas causas, principalmente: por incontinencia ou por falta de puntería. O resultado é noxento: o chan queda feito un cisco e a cousa comeza a cheirar axiña.
Todo isto pasoulle a Arias Cañete cando dixo aquilo da superioridade intelectual e as mulleres, xa saben. Eu case diría que, ademais de mexar por fóra, cagouna.
Semellante desastre non lle acontecerá xamais a Mariano Rajoy. El nunca vai dar un titular, para ben ou para mal. Es se o fai será parapetado detrás dunha pantalla de plasma.
Ao único disparate ao que pode chegar Rajoy é ofrecerlle un panfleto do partido a un home maior que pide na rúa vestido de pallaso. Fíxoo na Oliva hai uns días. A foto saíu en todas partes: todo un traxado presidente do goberno pedindo o voto a un parado que ten que abaixarse e pedir esmola cun disfrace de pallaso. Eu son o tipo e pídolle que me dea o papeliño metido nun sobre.
Unha imaxe dunha grande forza metafórica.
Mexar fóra do penico tamén é consagrar o bipartidismo, unha vez máis, cun debate entre as dúas forzas políticas que teñen o país como está. O bipartidismo xa está bastante bendicido polos poderes fácticos coma para poñelo sempre baixo o palio catódico.
Mexar fóra do penico é non mover un dedo máis que polo voto. Nin sequera se poñen os medios para que a xente se decate de que vai isto das europeas: cantos diputados, cantas circunscricións, etc. E algo que terían que molestarse en explicar cada catro anos, porque no intervalo non nos volvemos nunca a enterar de que fixeron cos nosos votos.
Vainos acabar gustando que nos boten piropos cada catro anos, que nos mintan, que nos tomen por babecos (anda que falar de postos de traballo nesta campaña, como se fosen vir de Europa!...). O das eleccións é unha pura ficción e por iso eles levan tan ben o de finxir.
Mentres isto que temos entre as mans sexa máis unha partitocracia ca unha democracia, de nada servirá lavalas cada catro anos ao estilo Pilatos.
Poder para a cidadanía! Listas abertas xa!