Ramiro Espiño
Manu Fernández: Un tipo corrente
Non quero ser ventaxista. Podería esperar a que pase unha semana, a que todo se resolva e falar a touro pasado (que é o único xeito de que non che pille o bicho). Pero non me dá a gana. Pídeme o corpo, e creo que é de xustiza, dicir unhas palabras sobre Manu Fernández. Un adestrador de fútbol humilde. Un home da casa, de corazón granate. Un de aquí. Un tipo corrente, imos.
Pode que precisamente ese sexa o seu "pecado", o que algúns resentidos non o perdoan. Ter chegado onde eles non puideron (ou non souberon), o que os leva a sementar xoio á menor oportunidade, babeando bile ao seu paso.
Ser de aquí é un problema ante os ollos de determinados elementos envexosos e rancorosos. Moitos antes que Manu o padeceron nas súas carnes. Que llo pregunten a Fernando Castro Santos, ou a Rafa Sáez, por citar só un par de exemplos de dous adestradores cuxo amor ao Pontevedra supoño que non será cuestionable, salvo por eses mesmos que padecen de "mala baba".
Cando Manu Fernández substituíu a Nando como primeiro adestrador, caeulle a do polbo. Negóuselle o pan e o sal. Quíxose mesturar o touciño coa velocidade por parte dos de case sempre, proclamando aos catro ventos a "vergoña" que supoñía que o seu pai (presidente) erguese o fillo (adestrador), obviando de forma malintencionada que Manu era técnico da casa moito antes de que o seu proxenitor accedese ao consello de administración.
Manu herdou un equipo roto. Un vestiario dividido e con serios problemas internos. Un equipo francamente mellorable, con cromos repetidos e posicións sen cubrir. Xogadores con lesións de longa duración. Un Pontevedra, en fin, escasamente competitivo, débil e vulnerable, afastado das posicións que lle corresponderían e do que poucos (e inclúome) crían puidese ter opcións serias de aspirar a moito máis que meterse con apuros entre os catro primeiros.
Soubo lidar con todo. De forma calada. Soportando os desagradables comentarios viperinos que a el, porque é do pobo e non parvo, tamén lle chegaban. Sorrindo mesmo a aqueles que sabía estaban a esperar para poñerlle paus nas rodas, dispostos a esfolalo á menor oportunidade.
Que se o equipo non xogaba a nada. Que se se gañaba de sorte e sempre pola mínima. Cada derrota daba paso ao clamor da manda que non desaproveitaba a ocasión para intentar cobrar a súa presa. Nin con esas se lle escoitou nunca unha mínima palabra de queixa.
Traballo. Esa foi a receita. Soubo unir primeiro os descosidos que herdara. Pouco a pouco foi facendo grupo cos seus homes. E estes respondéronlle. Cada xornada máis. Ata que chegou o momento da verdade. O día en que había que demostrar a diferenza entre xogar e competir. E fixérono. Fixérono en Boiro. Repetírono ante o Somozas.
E puxéronse líderes. Pero o mellor é que agora o vestiario é unha piña. Unidos por un obxectivo común. Máis aínda, convencidos de poder logralo. Tan convencidos están Manu e os seus homes, que lograron levarlles ese convencemento, esa ilusión, a unha afección que desertara (non é momento de analizar as razóns, xa sobradamente coñecidas, por outra parte) e que volveu porque non estaba morta, só anestesiada pola falta de ilusións e obxectivos.
Moitos dos xogadores que o domingo vestiron a camisola granate terán entendido por que é tan diferente ser xogador do Pontevedra que de calquera outro equipo da categoría. Manu sábeo porque o mamou. Dende hai anos e non porque llo contase o seu pai, o presidente. E algo terá tido que ver el co feito de que aos seus homes non lles tremesen as pernas pola responsabilidade.
Claro que non se fixo nada...todavía. Queda outra final en Dorneda e logo o máis duro. Pero este é o camiño, o da loita, o de suar a camiseta granate facendo honra á súa historia. O camiño que nos fixo andar un grupo de xogadores gañados para a causa por Manu Fernández...ao fin e ao cabo, un tipo corrente.
Un tipo corrente, pero dos nosos. Exactamente igual que o que hai agora 30 anos nos sacou do abismo da Terceira División. Como agora, naquel caso aquel tipo, da casa, de Lourido, relevara no banco outros de fóra con traxectoria e nome, pero foi el e non os do nome quen o conseguiu.