Nada podía facer presaxiar, na tarde do domingo 6 de novembro, que pasaría a figurar marcada no calendario de 2022 como un día negro da historia de Pontevedra. Empezou a arder no interior das instalacións da antiga fábrica de cerámica de Pontesa na parroquia de Ponte Sampaio, un recinto dedicado á almacenaxe de cereal que acabaría ardendo durante 21 días e levaría a vida dun operario.
O falecido foi Benito González Dopazo, un veciño de Marín de 59 anos que resultou ferido grave durante as tarefas de extinción do incendio e faleceu tres días despois no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde ingresou con queimaduras de terceiro grao no 85% do seu corpo.
Benito González era concelleiro do PSdeG-PSOE na corporación de Marín e sempre foi un home moi activo a nivel social.
Foi presidente da comunidade de montes de Santomé de Piñeiro; fundador e delegado do equipo de fútbol veterano da parroquia; presidente do IES Chan do Monte de Marín durante dez anos; e directivo de FANPA Pontevedra e de CONFAPA, a federación galega de asociacións de nais e pais.
O loito encheu de pesar Marín mentres todos os ollos seguían mirando con preocupación cara á fábrica. O incendio, que a concelleiro de Seguridade Cidadá, cualificou de "gravidade extrema", obrigou aos servizos de emerxencia a manter un control constante durante tres semanas ata dalo por extinguido.
O Grupo Nogar a través da súa filial Galigrain, titular do cereal alí almacenado, tivo que mover e trasladar ao redor de 10.000 toneladas de cereal directamente afectado polo incendio, tarefas para as que utilizaron 1.000 camións de dez toneladas. O problema, non tiñan licenza de actividade.
O operativo implicou a Bombeiros de Pontevedra, O Morrazo e Ribadumia e mesmo motivou o uso das cisternas da Axencia Galega de Emerxencias,que achegaron auga sete horas ao día durante estas tres semanas. Para extinguir este incendio, utilizáronse aproximadamente 3,5 millóns de litros de auga, ao redor dun terzo do que consome todo o Concello de Pontevedra nun día.
As tarefas víronse complicadas pola presenza de amianto nas instalacións, de modo que a Inspección de Traballo clausurou a nave e impedía entrar aos bombeiros para apagar o lume. Tan só puideron entrar, con traxes de protección específicos, axentes da Policía Científica da Policía Nacional para investigar o ocorrido. A investigación aínda non está concluída.
O incendio causou consternación na parroquia de Ponte Sampaio, moi vencellada a esta emblemática fábrica durante anos pola cantidade de veciños e veciñas que traballaron nela, e tamén en Arcade (Soutomaior) e Paredes (Vilaboa). Todos son lugares limítrofes que viviron con medo o incendio e logo con preocupación a presenza de fume e de fortes cheiros durante semanas.
Este incendio tamén levou ao Concello de Pontevedra a investigar a nave de La Cross, en Alba, onde esta mesma compañía acumulaba 96.000 toneladas de cereal, máis do dobre do que había en Pontesa. Tras a inspección, decidiron paralizar a súa actividade.