O ano no que os festivais e os eventos culturais volveron encher Pontevedra

Pontevedra
30 de decembro 2023

Aínda que no 2022 superamos a pandemia, non foi ata este ano que acaba de terminar cando fomos capaces de retomar a 'vella normalidade'. E iso notouse, sobre todo, nos eventos culturais que, como nos seus mellores tempos, volveron atraer miles de persoas

Río Verbena Fest Cristina Saiz

Aínda que en 2022 superamos a pandemia, non foi ata este ano que acaba de terminar cando fomos capaces de retomar a 'vella normalidade'. E iso notouse, sobre todo, nos eventos culturais que, como nos seus mellores tempos, volveron atraer miles de persoas.

Nun dos veráns máis multitudinarios que se lembran en Pontevedra, en parte grazas á gran final das Series Mundiais de tríatlon, a cidade logrou consolidarse como referencia dentro dos festivais de música no noroeste peninsular.

Primeiro cun Surfing the Lérez que, seguindo o seu espírito de romaría urbana, encheu a Illa das Esculturas de público de todas as idades e, xa a finais de agosto, cun segundo Río Verbena, que trouxo a Pontevedra a artistas como Vetusta Morla, Xoel López, Dellafuente. SFDK ou Trueno. E con un 'bonus', o man a man entre Iván Ferreiro e Leiva.

Entre ambos, celebráronse unhas Festas de Verán que durante máis de dous meses encheron de actividade toda a cidade. Os concertos da Praza de España, con Vanesa Martín, Cruz Cafuné, Recycled J ou Rayden, volveron ser punto de encontro para miles de pontevedreses.

E máis aló de Pontevedra, os festivais de música tamén bateron récords de asistencia. Fíxoo PortAmérica en Portas, SonRías Baixas en Bueu -que cumpriu vinte anos- ou Atlantic Fest e Revenidas, ambos en Vilagarcía de Arousa.

Outras citas culturais e festivas volveron demostrar o seu potencial, entre elas un Culturgal que iniciou unha nova etapa de expansión, Etiqueta Negra, que atraeu a Pontevedra a todo o sector gourmet galego; a imprescindible Feira Franca ou ciclos xa clásicos como Domingos do Principal, Voices, As Matinés ou a pasarela de moda Debut.

Pontevedra estreou tamén este ano un novo recinto cultural, a sede da Fundación Manuel Moldes, coa que se homenaxea a este pintor no edificio da Xunta en Benito Corbal; e deixou a súa pegada no cinema que triunfou en España durante 2023.

Fíxoo con Matria, que a produtora pontevedresa Matriuska estreou nos festivais de Berlín e Málaga, acumulando numerosos premios para a súa protagonista, María Vázquez; e despois cunha nova edición, a máis ambiciosa ata a data, do festival Novos Cinemas.