Gómez Besteiro evidencia o apoio do Goberno ao proxecto de Iván Puentes
Por Manu Otero & Mónica Patxot
O delegado do Goberno en Galicia, Jose Ramón Gómez Besteiro, visitou Pontevedra este martes para mostrar o seu respaldo ao candidato socialista á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, e demostrar o bo entendemento existente da agrupación socialista lerezana co Goberno central.
"O proxecto de Iván marcará unha época porque a estratexia Pontevedra Flúe recibiu a mellor das consideracións por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica. Os fondos europeos son para desenvolver proxectos ambientais e os socialistas teñen un proxecto e saben como desenvolvelo", defendeu o delegado.
Neste sentido, o representante do Goberno referiuse a dous proxectos que, segundo el, serán realidadad. Trátase da recuperación do curso fluvial do Lérez adscrito ao dominio marítimo terrestre, así como a reforma do nó de bombeiros, obra pola que poxan unha ducia de empresas.
Pola súa banda, Iván Puentes fixo fincapé na intención da súa formación de tender pontes con todas as institucións públicas para "atraer investimentos a Pontevedra e resolver cuestions pendentes desde hai tempo". Con todo, considera que alcanzar acordos é máis "doado" cunhas administracións que con outras. "O Goberno do Estado é sensible aos problemas de Pontevedra", asegura o candidato socialista, mentres que critica que a Xunta se negue a executar a ampliación do polígono de Ou Campiño.
"A Xunta e o seu presidente, que é pontevedrés, negáronse a escoitar a opinión unánime do Pleno para ampliar o Campiño", censura Puentes agradecendo o compromiso de Zona Franca de Vigo para facer realidade este proxecto, para o que o delegado, David Regades (PSOE), comprometeuse o pasado venres a incluír os fondos necesarios nos próximos orzamentos do organismo que dirixe.
Por todo iso, está convencido Iván Puentes que existen dúas "actitudes" contrapostas que poden marcar o próximo mandato. "Un PSOE que peta nas portas, presenta proxecto e consegue cartos", expón á vez que reclama o mérito de lograr 30 millóns de euros para a cidade no últimos catro anos. "Ou un goberno ensimesmado nos depachos de Michelena sen interlocución en Madrid nin Santiago porque non pode nin ten vontade de facer xestións en beneficio de todos", atacou sen especificar a que partido referíase.
Outra promesa que fai á cidadanía e ao sector empresarial de Pontevedra está relacionado coa hostalería e o turismo. "Temos que actualizar e axilizar a concesión das licenzas, por iso temos o compromiso de modificar o Peprica, que está desfasado para permitir combinar os usos residenciais coa economía que xera a hostalería na cidade".
Cuestionado polos xornalistas, Besteiro referiuse a outro proxecto que debe executar o Goberno central, que é a segunda fase do paseo cara a Marín. "Está en fase de execución e non hai risco da súa execución porque se fai con fondos propios de Costas", declarou sen marcar prazos concretos.
Relacionadas:
-
Os candidatos do PSOE á alcaldía de Pontevedra e Campo Lameiro prometen unha rede conxunta de sendas fluviais
Por Redacción |
-
Alugueiros a prezos "razoables", obxectivo do parque municipal de vivenda que promete Iván Puentes
Por Alejandro Espiño |
-
Aposta do PSOE por impulsar o uso do galego nunha Pontevedra que está "fortemente castelanizada"
Por Alejandro Espiño |
-
Iván Puentes destaca a súa xestión en Medio Ambiente e os 25 millóns que o Goberno destinará a Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Iván Puentes comprométese a dotar Monte Porreiro dunha Unidade de Atención Social
Por Redacción |
-
O delegado de Zona Franca promete ampliar o polígono de O Campiño se Iván Puentes é alcalde
Por Manu Otero |