Alugueiros a prezos "razoables", obxectivo do parque municipal de vivenda que promete Iván Puentes
Por Alejandro Espiño
Entre cincuenta e sesenta vivendas en cada mandato. É a previsión coa que traballa o candidato socialista para incorporar casas ao seu proxecto para crear un parque municipal de vivenda pública co que ofertar alugueiros a prezos "razoables" para familias e colectivos sensibles.
Estas vivendas, segundo explica Puentes, estarían a disposición de emigrantes, parados de longa duración, familias con poucos recursos, persoas en risco de exclusión, mocidade en proceso de emancipación ou pensionistas con baixas pensións.
Os socialistas tamén avogan por crear unha oficina municipal permanente de información en materia de vivenda, alugueiro, compra, rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética, así como por incentivar o uso de vivendas desocupadas para alugueiro mediante bonificacións fiscais.
Estas e outras medidas, incluídas no plan de vivenda deseñado polo PSOE para o período 2023-2027, foron debulladas esta tarde polo candidato á Alcaldía, no marco dunha mesa redonda aberta ao público que se celebrou no gastroespazo do mercado de abastos.
Moderada por Fernando Baena, arquitecto da Facenda Pública, Iván Puentes compartiu coloquio con María Pierres, arquitecta da delegación pontevedresa do Colexio de Arquitecto de Galicia, e Rocío Carrera, asesora inmobiliaria.
"O Concello non pode quedar de brazos cruzados e debe adoptar medidas que permitan aos nosos veciños o acceso á vivenda a un prezo razoable", sostivo Puentes, que aposta por crear reservas municipais de solo para a promoción pública de vivendas, residencias e albergues.
O candidato socialista volveu incidir na necesidade de que se desbloquee a revisión do PXOM para deseñar o crecemento do municipio "dun xeito ordenado", de axilizar os trámites de concesión de licencias e de delimitar os núcleos rurais, permitindo o asentamento de poboación,
Ademais, a isto engadiulle acadar unha mellor detección das situacións de infravivendas ou chabolismo de familias vulnerables, incentivar a rehabilitación de vivendas e locais comerciais no casco vello e promover as cooperativas de vivenda.
Relacionadas:
-
28M | Iván Puentes (PSOE): "Pontevedra ten que saír da súa zona de confort. O feito está ben pero necesitamos máis"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PSOE quere aproveitar o 'ciclón vigués' e crear unha marca propia para o Nadal pontevedrés
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Aposta do PSOE por impulsar o uso do galego nunha Pontevedra que está "fortemente castelanizada"
Por Alejandro Espiño |
-
Gómez Besteiro evidencia o apoio do Goberno ao proxecto de Iván Puentes
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Iván Puentes destaca a súa xestión en Medio Ambiente e os 25 millóns que o Goberno destinará a Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Iván Puentes comprométese a dotar Monte Porreiro dunha Unidade de Atención Social
Por Redacción |