Marea Pontevedra iniciará a súa campaña electoral ante a antiga sede da Xunta para reclamar un uso social a este edificio abandonado
Por Oskar Viéitez
O inicio de campaña da Marea Pontevedra terá lugar este xoves, ás 22.00 horas, diante da antiga sede da Xunta na rúa Benito Corbal, para denunciar o abandono deste inmoble e reclamar o seu destino a usos sociais, segundo anunciaron os candidatos dous e tres de Marea, Carmen Moreira e Guillermo Casalderrey, durante a presentación este mércores do programa electoral co que esta formación concorrerá ás próximas eleccións municipais.
Marea Pontevedra defínese como "a única forza propositiva" e se presenta con "un programa participativo" que recolle as achegas dos diferentes colectivos que o integran como os indignados do 15-M, Salvemos A Fracha, Non Crematorios Pontevedra, SOS Sanidade Pública, Os Praceres e Marea Laranxa en Defensa dos Servizos Sociais, Esquerda Unida, Podemos ou Espazo Ecosocialista, entre outros.
Guillermo Casalderrey contrastou o seu programa coas "ocorrencias ou propostas inconexas" do Partido Popular, que ao seu xuízo representa "volta ao pasado"; ou as "promesas que non foi quen de sacar adiante no cogoberno", en referencia aos socialistas, ou o programa do Bloque "que foi substituído por un cómic".
Fronte a isto Marea presume dunhas propostas "avaladas polos mellores profesionais na súa materia".
Así Carmen Moreira, detallou que o seu programa, dunhas 70 páxinas, contén un centenar de propostas, baseadas en tres piares: a Xustiza Territorial, a Xustiza Social e a Participación.
As "liñas de forza" que unen todo esta base programática son a transparencia baseada nunha auditoría económica e no control dos axentes sociais; tamén apostan pola participación cidadá mediante a activación do Consello Económico e Social e a posta en marcha de presupostos participativos. Ademais Marea Pontevedra avoga pola xestión pública dos servizos básicos (auga, saneamento, lixo) e a "paralización das micro-privatizacións", é dicir, servizos como xardíns, mantemento de edificios, ou de cátering. Tamén sinalan a necesidade de recuperar as "ferramentas externalizadas" en política social, como o Servizo de Axuda no Fogar.
Marea propón unha cobertura do 100% dos servizos no rural, por crear unha rede circular de autobuses e un tren de proximidades con Vigo, dentro da súa aposta polo transporte público e a mobilidade. Así como o saneamento integral da ría, das marismas, as xunqueiras, o rexeitamento á autovía A-57 pola Fracha, a aprobación do PXOM, a suspensión dos convenios coa Praza de Touros.
Relacionadas:
-
Reivindicativo inicio de campaña de Marea Pontevedra, denunciando o abandono de sete edificios emblemáticos
Por Redacción |
-
Marea aposta por unha xestión pública da auga e rebaixar o recibo nun 10 por cento
Por Alejandro Espiño |
-
Marea Pontevedra reivindícase como "os que mellor escoitamos o berro de rebelión do 15-M"
Por Redacción |
-
Marea esixe a Lores o cesamento de César Mosquera polo "gran fracaso" do PXOM
Por Alejandro Espiño |