Reivindicativo inicio de campaña de Marea Pontevedra, denunciando o abandono de sete edificios emblemáticos
Por Redacción
Marea Pontevedra chega a estas eleccións ofertando una opción "alternativa aos PTV, os políticos de toda a vida". E por iso a candidatura de unidade cidadá non quixo participar no tradicional acto de pegada de carteis. Optaron no seu lugar por un acto reivindicativo. Diante do antigo edificio da Xunta en Benito Corbal, denunciaron a situación de abandono de ata sete inmobles emblemáticos da cidade que eles queren recuperar para diferentes usos sociais.
A proposta de Marea para este edificio de Benito Corbal é convertelo nunha ‘casa das asociacións’ que dea espazo a colectivos sociais que precisen sedes para as súas actividades. Xunto a el, o antigo cuartel da Garda Civil queren convertelo nunha residencia cun cento de vivendas unimodulares para persoas sen recursos ou desafiuzadas.
Tamén pensan noutros usos para a subdelegación provincial de Defensa, un dos edificios referenciais en Pontevedra de Alejandro R. Sesmero, que propoñen transformar en escola infantil e gardería; o antigo edificio de Facenda na Ferrería, para destinalo á construción da Universidade Popular Atlántica; ou os edificios nobres da rúa César Boente, que piden expropialos para crear un centro de día para xente maior e con problemas de mobilidade.
Por último, o pazo de Montero Ríos en Lourizán debería ser, segundo Marea Pontevedra, para un centro de interpretación botánico e forestal do Atlántico; mentres que o pazo de San Román (a antiga Cámara Agraria) na Praza do Teucro queren reconvertelo nun centro de traballo para iniciativas de agricultura biolóxica e consumo responsable.
Tras detallar estes planes, tomou a palabra Luís Rei, quen destacou que a súa candidatura é a única que aposta pola ruptura. "Aquí vai haber oito candidaturas o día das votacións, varias da dereita ou do centro, pero por primeira vez soamente unha de todo o espazo de ruptura. Entre as oito papeletas non van estar a de Podemos, nin a de Anova, nin a de Esquerda Unida, nin a de Espazo Ecosocialista, pola sinxela razón de que a candidatura de todos é Marea Pontevedra".
Luís Rei recordou que en Marea están representados catro partidos políticos, pero sobre todo destacados representantes de plataformas sociais, veciñais e sectoriais, "é dicir, o músculo cívico". Ademais, destacou que só eles "escoitamos o berro de rebelión do 15-M", os únicos que "honramos ese berro uníndonos e facendo da unidade a ferramenta máis útil para os veciños".
"Temos, en suma, o empeño de camiñar escoitando a voz dos sen voz, para loitar contra todas as exclusións desde unha xestión pública e orientada unicamente ao ben común. Iso tamén nos distingue", concluíu Rei.
Relacionadas:
-
Lores buscará o respaldo da Corporación para reclamar a Feijoo que ceda o edificio de Benito Corbal
Por Oskar Viéitez |
-
Podemos Galicia e Marea Pontevedra achegan posturas de cara ás eleccións xerais
Por Redacción |
-
"As empresas que xestionan servizos públicos non son ONG, fan negocio á nosa costa. Rescataremos as concesións”
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Marea Pontevedra iniciará a súa campaña electoral ante a antiga sede da Xunta para reclamar un uso social a este edificio abandonado
Por Oskar Viéitez |