Marea aposta por unha xestión pública da auga e rebaixar o recibo nun 10 por cento
Por Alejandro Espiño
O contrato entre Viaqua -empresa que xestiona o ciclo de auga na cidade- e o Concello de Pontevedra expira en 2017. É polo tanto, segundo Marea Pontevedra, o momento perfecto para remunicipalizar este servizo e que a súa xestión volva ser pública. O seu candidato, Luis Rei, asegura que iso serviría para abaratar os custos, actualmente case 6 millóns de euros anuais, e rebaixar o recibo aos cidadáns como mínimo en nun 10 por cento.
"Non é un capricho, nin unha ocorrencia", afirmou o candidato de Marea, que explicou que dende esta xestión pública directa "poderemos universalizar o servizo de auga e saneamento" que, actualmente, "non se lle ofrece á totalidade dos veciños de Pontevedra". Sería un modelo, dixo, que se levou á práctica en cidades como París ou en localidades máis pequenas como Teo, na área metropolitana de Santiago.
Marea Pontevedra propón para iso crear unha nova empresa de titularidade municipal que se faga cargo deste servizo e emprender negociacións cos representantes sindicais da actual Viaqua para "facer unha transición" e que, garantindo a legalidade vixente en materia laboral, se poida subrogar aos 89 empregados que ten actualmente a empresa na cidade.
A municipalización do servizo permitiría, segundo Luis Rei, obter recursos abondo para investir nun plan de extensión do abastecemento de auga e saneamento a "absolutamente todas" as vivendas do concello de Pontevedra; ou poder abordar unha tarificación adaptada ao consumo de cada vivenda, de forma que se premie o aforro de auga e se penalice o seu malgasto.
Para presentar esta medida, Marea Pontevedra estivo acompañada por Laia Ortiz, a número 3 da candidatura de Barcelona en Común, a candidatura de unidade popular que encabeza Ada Colau na capital catalá. Veu para mostrar o apoio desta formación á súa homóloga pontevedresa porque "nos sentimos como candidaturas hermanas y compartimos el mismo espíritu, que desde la unidad popular podemos transformar las ciudades".
Laia Ortiz asegurou que Pontevedra pode reverter a situación do servizo de abastecemento de auga, un dos obxectivos que teñen eles en Barcelona, onde as tarifas aumentaron un 30% tras unha "doble privatización". Lamentou que con este tipo de contratos "lo que pagamos va para engordar los bolsillos de empresas y consorcios extranjeros", en lugar de utilizar ese diñeiro para mellorar a calidade do servizo ou apostar por unha xestión social.
Relacionadas:
-
Marea ofrece os seus votos ao BNG para unha maioría absoluta que rescate servizos privatizados
Por Alejandro Espiño |
-
Marea Pontevedra iniciará a súa campaña electoral ante a antiga sede da Xunta para reclamar un uso social a este edificio abandonado
Por Oskar Viéitez |
-
Marea Pontevedra reivindícase como "os que mellor escoitamos o berro de rebelión do 15-M"
Por Redacción |
-
Marea esixe a Lores o cesamento de César Mosquera polo "gran fracaso" do PXOM
Por Alejandro Espiño |
-
Marea denuncia as "agresións" á liña marítima e propón declarar a Ría como reserva da biosfera
Por Redacción |