Marea Pontevedra arremete contra Ana Pastor por "destruír o patrimonio natural da nosa contorna"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O candidato á alcaldía por Marea Pontevedra, Luís Rei, mostrou o seu rexeitamento ao anuncio da ministra de Fomento, Ana Pastor, do inicio das obras da A-57 ao considerar esta obra innecesaria e prexudicial ambientalmente.
Segundo expón nun comunicado o cabeza de lista, a ministra e o alcalde de Pontevedra "non poden seguir enganando á xente co argumento dunha circunvalación inexistente" e apóiase na opinión do colectivo Salvemos a Fracha e en informes técnicos para indicar que esta vía non dará servizo e se converterá nun corredor rápido de oito quilómetros que levará por diante un patrimonio ambiental e cultural de máximo nivel.
Rei insiste en liberar de peaxe a autoestrada A-9 ao seu paso por Pontevedra e convertela desa forma na auténtica circunvalación e advirte a Fernández Lores, Jacobo Moreira e Agustín Fernández de ser cómplices de "este acto de terrorismo ambiental que pasa a converterse dende este momento nunha liña vermella de posibles acordos na futura corporación".
Marea Pontevedra insiste en que acompañará os veciños da Fracha nas accións que emprendan.