O Animatrón volverá encher de actividade o Parque das Palmeiras
Por Redacción
O parque das Palmeiras acollerá un ano máis unha das propostas máis agardadas da programación infantil das Festas de Verán de Pontevedra.
Trátase do Animatrón, que desta vez se vai celebrar entre os días 30 de xullo e 2 de agosto.
Este ciclo de actividades para a rapazada incluirá numerosos obradoiros temáticos, que serán diferentes cada un dos días.
Haberá ademais unha ludoteca infantil na que os máis cativos poderán construír a súa propia cidade, usando pezas xigantes tipo lego, chalecos e cascos de obra e máis elementos.
Outra das propostas do Animatrón 2024 será un xardín infantil, unha zona verde onde os máis pequenos poderán interactuar con carretillas, follas de outono, restrelos, mesas de flores, cortacéspedes e batas de xardineiro.
E, como ben di o seu nome, o que non pode faltar son as propostas de animación e así, durante todos os días haberá zancudos, monociclos, malabares ou pelotas e globos xigantes.
A programación deste ano completarase cunha actuación musical diaria, que será a encargada de pechar cada xornada, animando aos asistentes a cantar e bailar.