Clasificación compensada e por equipos, novidades do II Circuíto de Carreiras Populares
Por Redacción
A carreira de San Brais en Salcedo, o próximo 2 de febreiro, será a primeira das probas do Segundo Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP) que contará con importantes novidades a través da posta en marcha de dúas novas clasificacións, compensada e por equipos. Con estas propostas preténdese fomentar o deporte eliminando barreiras de idade e xénero. Así o destacaba o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, na presentación desta edición acompañado polo presidente da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, Ramón Touza e por representantes de distintas asociacións relacionadas co Circuíto.
Na primeira edición inscribíronse 214 corredores e a organización agarda achegarse, este ano, aos 400 participantes. O CCCP convértese no primeiro circuíto de Galicia que emprega a clasificación compensada. Con esta clasificación premiarase aos tres mellores homes e mulleres que obteñan os mellores postos en función das táboas compensadoras de tempos por idades que elabora a Asociación Mundial de Atletas Masters.
A creación da clasificación por equipos establece que os equipos deberán estar integrados por grupos de 12 deportistas, nos que deberá haber integrantes dos dous sexos cun mínimo de dous para o menos representado. A táboa final será o resultado da suma das puntuacións dos seis primeiros corredores de cada equipo en cada carreira, cun mínimo dun do sexo que sexa minoritario no grupo.
Desta forma, as clasificacións serán absoluta, por idades, compensada e por equipos. O custo da inscrición será de 30 euros para os titulares de chip amarelo, que dará dereito a participar nas seis carreiras. Os corredores que non dispoñan de chip en propiedade terán que pagar 45 euros. Todos os detalles para participar neste II Circuíto poden consultalos na plataforma www.championchipnorte.com
O calendario inclúe ademais da carreira de San Brais en Salcedo, a de Monte Porreiro o 13 de abril; Ponte Noite, o 14 de xuño; Santiaguiño do Burgo, o 25 de xullo; Campañó, o 20 de setembro e o Circuíto finalizará co Medio Maratón de Pontevedra que se realizará o 19 de outubro.
Relacionadas:
-
Todo a punto para a carreira popular de Santiaguiño do Burgo, proba que se incorpora ao circuíto CCCP
Por Alejandro Espiño |
-
Iván Docampo e Águeda Blanco impóñense na carreira popular de San Brais
Por Diego Torrado |
-
Pequenos cambios na carreira popular de San Brais, que se pasa á mañá do domingo 2 de febreiro
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra únese ao primeiro circuíto galego de carreiras populares campo a través
Por Diego Espiño |
-
Os gañadores do Circuíto de Carreiras Populares reciben os seus premios
Por Redacción |
-
O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra terá segunda edición en 2014
Por Diego Espiño |