Todo a punto para a carreira popular de Santiaguiño do Burgo, proba que se incorpora ao circuíto CCCP
Por Alejandro Espiño
A tradicional carreira do Santiaguiño do Burgo incorpórase por fin ao Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP). Despois de que o ano pasado suspendérase en sinal de duelo polo accidente de Angrois, esta proba, unha das máis singulares das que se celebran no municipio ultima os preparativos para a súa décimo sétima edición. Celebrarase, como é tradicional, o próximo día 25 de xullo con saída e chegada na Ponte do Burgo.
Trátase dunha carreira pedestre de 6,3 quilómetros que está chea de singularidades, segundo destacaron na súa presentación o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o presidente da Asociación Santiaguiño do Burgo, José Antonio Sánchez, e os responsables da Sociedad Gimnástica, Ramón Touza e Pablo Díaz.
Entre os aspectos que fan que sexa unha proba especial, está que o terreo é mixto, porque os corredores alternarán trazado por asfalto, terra e herba; e tamén porque transita por catro pontes, parte do Camiño Portugués e por un entorno natural privilexiado, ao redor dos ríos Rons e Lérez. En todo caso, asegurou Pablo Díaz, é a proba menos esixente do calendario porque salvo algún pequeno desnivel "no hay ninguna cuesta", polo que resulta idónea para iniciarse na carreira a pé.
A proba sénior e de veteranos comezará ás 11.00 horas. Desde unha hora antes, aproximadamente, iranse celebrando as carreiras de categorías inferiores: biberón (100 metros), chupete (200 metros), benxamín, alevín e infantil (500 metros) e cadete e xuvenil (1.470 metros).
O percorrido das proba raíña partirá da Ponte do Burgo e irá pasando sucesivamente polas rúas Domingo Fontán e Martín Códax antes de entrar nas marismas de Alba e despois nun treito do Camiño Portugués. Chegarase ata a antiga fábrica de La Cross, onde os corredores terán que rodeala para voltar cara Pontevedra paralelos á autoestrada AP-9 e pegados ao río Rons. Un punto de especial interese, antes de encarar a liña de meta, será o paso por debaixo da Ponte das Correntes.
Para dar a coñecer o circuíto haberá tamén unha quedada o próximo luns 21, ás 20.30 horas. Todos os interesados en participar nela terán que achegarse ese día ata a estación de servizo do Burgo. Á medianoite dese luns rematará o prazo de inscrición na proba, que se pode facer na plataforma dixital de Championchipnorte. Os participantes nas categorías inferiores poderán inscribirse tamén o día da proba, o venres 25 de xullo.
INSCRITOS NA SEGUNDA EDICION DO CCCP
Agustín Fernández aproveitou a presentación da proba para comentar os datos finais de inscrición nesta segunda edición do CCCP, que conta con 269 corredores fronte os 214 do primeiro ano. O prazo rematou coa carreira PonteNoite do pasado mes de xuño. Non obstante, o concelleiro admitiu certa decepción porque, destacou, o circuito debe achegarse moito aos 500 participantes para que sexa sostible e teña un futuro garantido.
Destacou que Pontevedra ofrece o único circuíto de Galicia no que unha inscrición de 35 euros permite participar en seis carreiras ao longo de todo o ano. ÿ pionera tamén, destacou, na posta en marcha da clasificación compensada (na que os atletas se agrupan nunha única lista e na que a clasificación se elabora a partir das táboas de compensación por sexos e idades da Asociación Internacional de Atletas Máster) ou da clasificación por equipos (que deben estar integrados por deportistas de ambos sexos).
Non obstante, indicou que o maior motivo de orgullo está na oferta de inscrición gratuíta nas carreiras populares ás persoas sen traballo, 87 no que vai de ano. Os desempregados participan sen custo algún nas carreiras indicando a súa condición na plataforma dixital de inscrición. Unicamente se lles require presentación de documento de demandante de emprego na retirada do dorsal. Ao remate da proba se lles devolve o importe da inscrición na súa conta bancaria.
Relacionadas:
-
450 atletas participarán este venres na XVIII edición da carreira popular do Santiaguiño do Burgo
Por Redacción |
-
Iván Docampo e Leticia Fernández gañadores da Pontenoite 5+5
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Víctor Riobó e Leticia Fernández, gañadores da II edición da carreira popular de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Iván Docampo e Águeda Blanco impóñense na carreira popular de San Brais
Por Diego Torrado |
-
Clasificación compensada e por equipos, novidades do II Circuíto de Carreiras Populares
Por Redacción |