450 atletas participarán este venres na XVIII edición da carreira popular do Santiaguiño do Burgo
Por Redacción
Un total de 450 persoas inscribíronse para participar este ano na carreira pedestre do Santiaguiño do Burgo. ÿ unha das citas clásicas do atletismo popular pontevedrés. Chega á súa decimo oitava edición e por vez primeira inclúese no calendario do Circuíto de Carreiras Populares (CCCP) de Pontevedra. A proba está organizada polo Instituto Municipal de Deportes e a Asociación Santiago Peregrino do Burgo e nela colabora a Sociedad Gimnástica.
Entre eles están 16 atletas que fixeron constar a súa condición de desempregados. Como sucede en todas as probas do circuíto esta circunstancia supón a devolución do prezo de inscrición, medida social na que Pontevedra é pioneira, sinalou o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández. Con todo recorda que o prezo de todo o circuíto é de 35 euros, unha tarifa moi competitiva e que permite participar en seis probas repartidas ao longo de todo o ano.
A carreira popular do Santiaguiño do Burgo estreará este ano un percorrido de 6,1 quilómetros con saída e chegada na ponte do Burgo, case totalmente plano. O trazado é mixto (asfalto, terra e herba) e aposta por espazos de riqueza natural como ao Xunqueira de Alba e as beiras do río Rons. Haberá servizo de duchas no Pavillón Municipal dos Deportes.
Ás once da mañá darase a saída da proba desde a Ponte do Burgo. Pero antes, xa desde as dez terán lugar as probas para os menores de idade, desde os máis novos aos xuvenís. Os que se queiran apuntar a estas últimas poderán facelo ata o mesmo día da carreira.
A recollida de dorsais pode facerse no Pavillón o xoves, 24, en horario de 11 a 13 horas e de 17 a 20 horas; e o mesmo venres, día 25, de 8.30 a 10.30 horas. Os competidores na liga do CCCP deben prender o dorsal vermello válido para as seis probas do calendario.
O Instituto Municipal de Deportes (IMD) advirte que van ser estritos no control de carreira, evitando a participación de corredores sen dorsal. Lembran ademais que este tipo de participantes, ademais de xerar problemas de organización, non están cubertos polo seguro da proba.
Relacionadas:
-
Campañó prepárase para a sétima edición da súa carreira pedestre
Por Diego Espiño |
-
Iván Docampo, máis líder do CCCP tras un cómodo triunfo na carreira do Santiaguiño do Burgo
Por Alejandro Espiño |
-
Todo a punto para a carreira popular de Santiaguiño do Burgo, proba que se incorpora ao circuíto CCCP
Por Alejandro Espiño |