Épica remontada do Ravachol para derrotar o San Fernando de Valencia
Por Redacción
A quinta xornada da liga de División de Honra quedará na retina do Club Bádminton Ravachol por moito tempo. O Club Bádminton San Fernando de Valencia foi o rival dun Ravachol Pontevedra que rendeu a altísimo nivel, con remontada incluída.
Comezou o encontro co dobres mixto, onde a capitá Raquel Miguens e o canteirán Hugo Salgueiro asinaron un bo partido a pesar da superioridade da parella valenciana formada por Oliveirais e Arrones, que puxo o primeiro punto no marcador para os visitantes.
Nos dobres masculino e feminino serviu para confirmar o mal inicio dun Ravachol que non carburaba, As malas sensacións acompañaron de inicio a fin, tanto no feminino, coa derrota de Georgina Bland e Emilie Drouin ante a expontevedresa Ania Setién e a búlgara Popovska, como no masculino, coa derrota de Manuel Brea e Jacobo Fernández ante Fran Oliveirais e Lorenzo Adell.
Mascábase a traxedia na Estrada, localidade á que tivo que mudarse esta fin de semana o conxunto pontevedrés, con 0-3 no marcador a falta dos individuais, pero os pontevedreses sacaron forzas de fraqueza para continuar loitando.
Na primeira rolda de individuais, Jacobo Fernández facía gala dun gran nivel de xogo para vencer a Álex Alcalá (11-8, 11-4, 11-10), poñendo o 1-3, mentres que Emilie Drouin enfrontouse a Ania Setién no partido máis igualado da xornada. Tras un intercambio de golpes, a xogadora francesa do Ravachol impúxose por 11-9 no quinto set, e fixo soñar coa remontada a falta de dous partidos.
Na rolda final, Manuel Brea completou un partido sublime ante o mexicano Arturo Hernández, ao que venceu con máis solvencia dos esperado (11-7, 11-3, 11-8), e todo quedaba en mans da inglesa Georgina Bland, a xogadora franquía do Ravachol desde a súa chegada fai tres tempadas.
Gina enfrontouse á búlgara Hristomira Popovska, un duelo de moito nivel no que se impuxo con relativa superioridade (11-4, 11-10, 11-5), facendo estalar á bancada tras unha remontada de épica, nunca antes vivida por este club.
Tras a euforia final, o Director Deportivo do club, Jesús Pereiro, declaraba que "sabiamos que sería un encontro igualado, pero co 0-3 despois dos dobres quedamos sen marxe de erro e todo facía pensar que sería imposible gañar. Hoxe non podo estar máis orgulloso dos meus xogadores, que no peor momento tiraron de garra e sacaron a súa mellor versión. Esta vitoria dános moitas ás no noso obxectivo pola permanencia".
Con este resultado, o Ravachol Pontevedra sitúase na terceira posición do grupo A, empatado a puntos co segundo clasificado.
Relacionadas:
-
O Ravachol certifica a súa permanencia en Primeira División nunha agónica e decisiva xogada
Por Redacción |
-
Manuel Brea, quince veces campión galego absoluto
Por Redacción |
-
O subcampión Oviedo derrota pola mínima o Ravachol nun novo partido no exilio
Por Redacción |
-
A medalla máis celebrada polo Bádminton Ravachol Pontevedra
Por Redacción |
-
Un Bádminton Ravachol minguado polas baixas sofre ante La Orden (6-1)
Por Redacción |