David Soto defende que o Pontevedra está "en traxectoria ascendente" esperando "romper esa mala serie en Ceuta e conseguir gañar por fin fóra"
Por Diego Espiño
É a súa segunda tempada en Pasarón, e se o curso pasado xa se fixo un oco no once titular do ascenso agora a súa importancia é aínda maior no equipo. Non en balde David Soto é o único xogador que disputou todos e cada un dos minutos de liga de Primeira RFEF ata a data (1.080 minutos). Por iso a súa opinión sobre a situación que está a vivir o Pontevedra ten peso.
"Imos en traxectoria ascendente e esperamos romper esa mala serie en Ceuta e conseguir gañar por fin fóra da casa", defende o futbolista granate sobre a próxima xornada de liga.
O central asegura que "os números non reflicten as sensacións que tivemos nos partidos", especialmente lonxe de Pasarón, pero "a clasificación di que agora mesmo o Pontevedra é o peor equipo como visitante, así que temos que cambiar iso, transformar as sensacións en puntos, se pode ser de tres moito mellor porque sabemos que na casa somos moi fortes e todo o que consigamos sacar fóra vai ser beneficioso para o equipo".
A pesar diso Soto cre que "non debemos caer na necesidade imperiosa de sacar os tres puntos. Temos que ter cabeza, facer as cousas con orde, atacar ben e a partir de aí se o facemos como o vimos facendo teremos máis opcións de gañar que de non traer nada".
O plantel pontevedrés, iso si, ve o encontro do próximo domingo en Ceuta, ante o actual pechacancelas do grupo, como "un partido ideal para romper esa mala serie", aínda que prognostica que será igualmente un choque "difícil porque eles tamén o tomarán como unha final".
Sobre que pasou ata o momento para non contar con máis puntos, especialmente a domicilio, o defensor do Pontevedra opina que "o vimos co Fuenlabrada. Os equipos que xogan de visitante quizais non se expoñen tanto, están máis ordenados, esperando o erro do equipo local, e nós si que é verdade que nos expoñiamos moito xogando case coma se fósemos locais. Agora cambiamos un pouco ese rexistro, que non quere dicir que salgamos a defender nin moito menos senón a ter un pouco máis de coidado sobre todo en certos momentos de partido, e creo que a partir de aí o equipo poderá sumar puntos fóra da casa, esperemos que xa neste partido".
Soto sinala o triunfo contra o San Fernando como un punto de inflexión na tempada, ao que se suma que "o día de Manresa volver gañar fóra creo que nos reforzou". Un aspecto que agora deberán confirmar sobre o céspede.
O que non se arrepinte é de asinar o pasado verán polo Pontevedra "porque sabía do potencial deste club", o que lle permitiu gozar agora dunha categoría como a Primeira RFEF na que "noto o ritmo de competición. Todo está moito máis igualado, hai moito máis ritmo. Agora vexo partidos de Segunda RFEF e parece outro deporte distinto, sen faltar ao respecto aos equipos da categoría".
Por iso espera poder "conseguir os nosos obxectivos" e despois "xa se verá", afirma sobre unha posibilidade de poder seguir vestindo a granate no futuro que se está tentando gañar co seu rendemento no terreo de xogo.
Relacionadas:
-
O Pontevedra vence e convence en Ceuta para facerse coa súa primeira vitoria a domicilio en liga (1-2)
Por Almu Dapena |
-
Un Pontevedra con "mentalidade gañadora" viaxa a Ceuta a por a súa primeira vitoria a domicilio
Por Almu Dapena |
-
Oier Calvillo mantense na enfermería e evita a primeira semana con dispoñibilidade plena no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Queixa do Ceuta, próximo rival do Pontevedra, por "penaltis non concedidos, goles anulados, expulsións rigorosas e deficiente trato aos nosos futbolistas"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, ante unha semana clave con visita ao pechacancelas Ceuta
Por Diego Espiño |
-
Un Pontevedra brillante queda a cero pola súa falta de acerto fronte ao Fuenlabrada (0-0)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |