Un enrachado Torrelavega reta o Cisne, que necesita corrixir o seu rumbo
Por Redacción
Sen tempo para lamer as feridas da pasada fin de semana, o Cisne afronta este martes outro duelo directo na carreira pola pemanencia en Asobal. Os brancos mídense este martes, ás 21.30 horas no Municipal, ao Torrelavega, un equipo que acumula tres vitorias consecutivas.
A serie triunfal dos cántabros, un vello rival dos pontevedreses que se viron as caras en incontables ocasións en División de Honra Prata, contrasta coa dos lerezanos. Os de Javier Márquez acumulan catro partidos sen coñecer a vitoria, un mal momento que sitúa aos brancos ao bordo do abismo.
A vaga de lesións e a falta de acerto en momentos clave botaron por terra o bo inicio de competición do Cisne, con tres vitorias que situaron aos pontevedreses nunha cómoda posición en metade de táboa.
Pola contra, a traxectoria dos visitantes é oposta. Tardaron en conseguir bos resultados, pero agora suman catro vitorias en cinco partidos que os colocaron nunha plácida sétima posición.
Para conseguir dous puntos vitais que volvan poñer terra polo medio co decenso, o Cisne deberá "conceder o mínimo, replegar e ser serios en ataque", propón Marcos, o segundo adestrador.
Os técnicos locais ven ao Torrelavega como "un equipo moi compacto en defensa e moi rápido nas transicións", sendo o recentemente chegado Adrián Fernández a súa principal ameaza en ataque.
Relacionadas:
-
A fe do Cisne non basta para compensar a súa fraxilidade defensiva (31-35)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Un superior Cangas dobrega o Cisne no derbi galego de Asobal (30-25)
Por Almu Dapena |
-
O Cisne di adeus á Copa do Rei superado polo Ángel Ximénez (24-32)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Noite aciaga do Cisne ante o Bidasoa no seu regreso ao Municipal (19-28)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Un mes de novembro sen descanso para o Cisne
Por Diego Espiño |