Noite aciaga do Cisne ante o Bidasoa no seu regreso ao Municipal (19-28)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Terceira derrota consecutiva na Liga Asobal para un Club Cisne Balonmán que este venres volvía ao fin ao Pavillón Municipal dos Deportes. Facíao ademais cun esixente exame fronte ao 'europeo' Bidasoa, que viña de tutear entre semana o líder da Bundesliga alemá na competición continental. Os pontevedreses esperaban que o cansazo do seu rival puidese ser un punto a favor, pero o conxunto vasco non deu opción á dúbida para levar de maneira contundente o encontro, e iso que a posta en escena do Cisne foi positiva.
A primeira acción do encontro finalizou cun tanto de Carlos Álvarez tras unha boa circulación, secundada despois por unha intervención de Kilian Ramírez. O porteiro canario estivo moi activo nos primeiros minutos, axudando ao seu equipo para pasar do 1-2 no marcador ao 4-2, con tres goles seguidos de Álex Chan.
O central e o gardameta levaban a dominar aos de Javier Márquez, chegando a mandar por 6-4 no electrónico. Foi así ata que unha exclusión de Pombo empezou a cambiar a tendencia. O Bidasoa empatou a 6 goles e acto seguido tomou a dianteira, pasado o minuto 10 de xogo.
O cadro irundarra elevaba o seu nivel e empezábao a notar un Cisne que tentaba agarrarse ao partido pero ao que empezaban a penalizar os seus erros e perdas en ataque. Así nun abrir e pechar se ollos os visitantes colocaban un 8-11 que obrigaba a Márquez a pedir tempo morto.
O técnico parou por un momento a sangría e mesmo Álex Chan reducía a dúas a desvantaxe (11-13) no minuto 22. Ninguén imaxinaba que sería o último gol cisneísta do primeiro tempo. A defensa do Bidasoa apagou as luces do ataque local, perdendo innumerables balóns, e a base de contragolpes chegou un parcial de 0-5 antes do descanso para marchar ao vestiario cun claro 11-18.
A situación mesmo empeorou na continuación, con dous tantos visitantes ata que Carlos Álvarez poñía fin a unha seca que era xa de máis de 10 minutos. Por entón o marcador reflectía un 12-20 que poñía case imposible xa pelexar polos puntos. Ademais o Bidasoa non baixaba a súa concentración.
Os minutos ían pasando sen que a brecha se reducise, nin sequera a pesar duns intres de dúbida ofensiva no equipo vasco. Non o aproveitaba un Cisne ao que non lle entraban nin os lanzamentos de sete metros. Non era o día.
Con ese panorama o mellor era chegar ao final canto antes e que terminase o sufrimento. Fíxoo cun contundente 19-28 para un Cisne que xa mira cara a novas oportunidades para puntuar. Mal faría en lamentarse demasiado ante o apertado dun calendario que non dará respiro o próximo mes.
Consulta aquí as estatísticas do Club Cisne Balonmán - CD Bidasoa.
Relacionadas:
-
O Cisne planta cara a un Valladolid que o castigou nos minutos finais (35-31)
Por Almu Dapena |
-
Un enrachado Torrelavega reta o Cisne, que necesita corrixir o seu rumbo
Por Redacción |
-
Un superior Cangas dobrega o Cisne no derbi galego de Asobal (30-25)
Por Almu Dapena |
-
Un derbi entre Cangas e Cisne entre "as ganas e a necesidade de sumar puntos"
Por Diego Espiño |
-
Acordo entre Cisne e Cangas para unificar o prezo das entradas do derbi
Por Redacción |
-
O gafe do Cisne non ten fin: Iván Calvo deberá pasar polo quirófano
Por Diego Espiño |
-
O Cisne di adeus á Copa do Rei superado polo Ángel Ximénez (24-32)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
A Copa do Rei, unha oportunidade para o Cisne de recuperar sensacións
Por Redacción |
-
O Cisne espera que o Bidasoa "pague a competición europea entre semana"
Por Diego Espiño |
-
Un mes de novembro sen descanso para o Cisne
Por Diego Espiño |
-
A Liga Asobal volve, por fin, ao Pavillón Municipal
Por Diego Espiño |
-
A coraxe non lle chega ao Cisne para sumar en Puente Genil (34-32)
Por Diego Espiño |