A fe do Cisne non basta para compensar a súa fraxilidade defensiva (31-35)
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A mala serie do Cisne continúa. As importantes baixas por lesión que arrasan o persoal impide aos brancos competir en igualdade de condicións cos seus rivais. E aínda así nunca deixan de tentalo. Esta noite de martes a fe branca case obra o milagre da remontada. O Torrelavega meteuse os dous puntos no peto antes do descanso, pero o Cisne case llos rouba en dez minutos apoteósicos que fixeron soñar á ruidosa inchada cisneísta cun triunfo épico.
Non puido ser porque a defensa do Cisne demostrou non ser tan forte como a liga Asobal require. Adrián Fernández, máximo goleador dos cántabros, penetrou unha e outra vez como coitelo en manteiga pola fráxil muralla lerezana. E encima, en ataque os de Javier Márquez non atoparon ocos. Nun goteo incesante, Torrelavega foise escapando no marcador e só a valentía dos brancos evitou que o partido se terminase antes do minuto sesenta.
Esa fraxilidade que esta noite volveu lastrar o Cisne tardou en poñerse en evidencia porque ningún dos conxuntos mostrouse acertado para a portería rival no inicio do partido. Os visitantes golpearon primeiro pasados os dous primeiros minutos de batalla, pero o Cisne respondeu con tres tantos consecutivos que convidaban á esperanza.
Un espellismo porque nun dicir amén, os visitantes non só restableceron o empate, senón que mentres os locais estrelábanse unha e outra vez contra o muro cántabro, o Torrelavega ía aos poucos sumando tantos.
Con catro tantos de desvantaxe e cumpledo o primeiro cuarto de hora de xogo, Márquez pediu tempo morto para cambiarlle as pilas aos seus mozos. O efecto pareceu producir efecto porque o Cisne recortou diferenzas, pero foi nese momento cando unha parella allea ao espectáculo cobrou protagonismo.
Unhas discutidas decisións arbitrais, queprimeiro non viron falta sobre Carlos Álvarez e Chan despois, deron ás aos letais contragolpes do Torrelavega que volvía abrir brecha no luminoso para desesperación da afección local e, xa nos compases finais do primeiro tempo, dos propios xogadores do Cisne, que chegaron a verse con dous xogadores menos sobre a cancha.
Un soberbio tanto de Ocaña sobre a bucina que marcaba o final do primeiro tempo serviu para maquillar un resultado que podería ser máis avultado (13-17).
Fiel ao seu espírito combativo, o Cisne regresou á cancha co coitelo entre os dentes e disposto, como mínimo, a presentar batalla. Esta vez os brancos golpearon primeiro, pero os visitantes nin se inmutaron e seguiron ao seu. Que era converter en gol cada lanzamento a porta.
Con cinco tantos de marxe sobre os pontevedreses, os de Torrelavega seguiron aproveitándose da desesperación local, da súa falta de acerto en ataque e da debilidade defensiva. Cun Adrián Fernández en racha, ampliaron as diferenzas ata os sete tantos.
Desde o banco branco había que facer algo para cortar a sangría. Nunha decisión tan valente como arriscada, o Cisne modificou a súa estrutura defensiva con tres xogadores dificultando a circulación de balón rival en tres cuartos de cancha. Parecía un suicidio, pero funcionou. A sala de máquinas norteña cortocircuitó e o Cisne comezou a roubar balóns con facilidade para lanzar ataques eléctricos.
Mateo Arias por partida dobre, Furtado, Carlos Álvarez e Franceschetti anotaron catro tantos consecutivos que reduciron o groso colchón cántabro a unha insignificante renda de dúas tantos.
O ruxido do Municipal era proporcional á fe do Cisne na remontada. Con todo, de novo o dúo arbitral volveu aparecer para acabar coa esperanza branca. Dúas exclusións consecutivas e innecesarias permitiron ao Torrelavega coller aire e selar un triunfo que só puxo en perigo a inquebrantable tozudez branca, esa que os fai non dar un só partido por perdido e manter viva a chama da permanencia en Asobal.
Relacionadas:
-
Kilian Ramírez, o heroe dun Cisne que quedou a un palmo do triunfo en Guadalaxara (24-24)
Por Almu Dapena |
-
Festa no Pavillón Municipal coa visita do Barcelona ao Cisne (25-43)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Que os seus xogadores e afeccionados "gocen", obxectivo do Cisne na visita dun Barcelona "de lenda"
Por Diego Espiño |
-
Alejandro Conde, apercibido polo Comité de Competición por desconsideración aos árbitros
Por Diego Espiño |
-
Entradas de público a 15 euros para a esperada visita do Barcelona ao Pavillón Municipal
Por Redacción |
-
O Cisne planta cara a un Valladolid que o castigou nos minutos finais (35-31)
Por Almu Dapena |
-
O Cisne, a romper a súa mala serie en Valladolid nunha intensa fin de semana deportiva en Pontevedra
Por Redacción |
-
Un enrachado Torrelavega reta o Cisne, que necesita corrixir o seu rumbo
Por Redacción |
-
Un superior Cangas dobrega o Cisne no derbi galego de Asobal (30-25)
Por Almu Dapena |