David Chapela regresa a un Cisne arrasado polas lesións
Por Manu Otero
A praga de lesións na que está sumido o Cisne deixou ao primeiro equipo baixo mínimos. Aínda que no plano competitivo estas baixas non están a afectar ao rendemento do equipo, é certo que a calidade dos adestramentos e a rotación nos partidos viuse resentida. Para aliviar esta situación, xa comezou a traballar co equipo un vello coñecido da parroquia branca: David Chapela.
Aínda que o regreso do fillo pródigo non está aínda pechado, desde a directiva do club si que confirman a intención de incorporalo xa á dinámica do primeiro equipo. "Hai posibilidades, pero dependerá de se el se ve ben. Podería estar dous meses connosco, outubro e novembro", explica o presidente Santi Picallo.
Recoñece o mandatario que Chapela xa estivo adestrando co equipo a pasada semana e, aínda que teñen previsto falar esta semana, confía en que esta mesma tarde ou tras o festivo do 12 de outubro, regrese ao traballo co grupo. "Está connosco por todos os lesionados que temos, para que bote unha man", agradece Picallo, quen prefire non aventurar aínda se chegará a participar nos partidos do equipo. "Hai que ver como está porque se cumpren agora dous anos desde que o deixou, aínda que el está en forma leva moito tempo sen xogar", matiza.
A súa incorporación definitiva dependerá tamén da evolución dos xogadores lesionados. O Cisne espera recibir este martes o resultado da resonancia de Gabriel Calvancanti e confían tamén en que a lesión de nocello de Furtado siga evolucionando de forma satisfactoria. André de Moura, case recuperado da súa doenza nun dos seus dedos, incorporarase pronto ao traballo co grupo. O que tardará máis en incorporarse ao traballo colectivo é bruno, que segue recuperándose da súa lesión.
"Se Cavalcanti e Hurtado se incorporan pronto, a situación xa non sería tan grave", explica Picallo.
VISITA DO FC BARCELONA
Outro dos asuntos que preocupa na cúpula cisneísta é a sede na que se disputará o partido contra o FC Barcelona previsto, en principio, para o día 26 de novembro. Esa fin de semana dispútase en Pavillón Municipal de Pontevedra o Campionato de España de Karate das categorías cadete, júnior e sub 21 polo que o Cisne deberá buscar unha cancha alternativa na que disputar un partido tan sinalado.
Con todo, despois dunhas conversacións entre ambos os clubs, xorde a posibilidade de disputar o partido na tarde do domingo 27 de novembro, tras a clausura do nacional de karate. "Ao Barça vénlle ben xogar o domingo porque xogan Champions o mércores anterior e o seguinte", explica Picallo, que trasladará ao Concello e á Televisión de Galicia a posibilidade de fixar o partido para esa tarde ao redor das 19 horas.
Sería a solución ideal, pero se o ente televisivo se nega a cambiar o partido de data, o enfrontamento entre Cisne e Barça tería que celebrarse o día 26 no pavillón de Príncipe Felipe.
Relacionadas:
-
David Chapela pon fin á súa etapa no Cisne agradecido por "volver facerme sentir xogador de balonmán"
Por Diego Espiño |
-
A Liga Asobal volve, por fin, ao Pavillón Municipal
Por Diego Espiño |
-
"Chegar ao final do partido con forzas", obxectivo do Cisne ante Puente Genil
Por Almu Dapena |
-
As lesións non dan tregua ao Cisne, que volve perder a Cavalcanti
Por Diego Espiño |
-
A ofensiva do Cisne fai augas na segunda metade contra o Bada Huesca (27-32)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
A Liga Asobal reactívase para o Cisne recibindo o Huesca tras unha semana de parón "para cargar pilas"
Por Diego Espiño |
-
O Cisne recibirá ao Puente Genil na segunda rolda da Copa do Rei
Por Manu Otero |
-
David Chapela despídese do Cisne nun vídeo para a afección
Por Redacción |
-
David Chapela decide deixar o balonmán tras o confinamento do Cisne: "Non podo volver pasar por isto"
Por Diego Espiño |