As carrilanas volven á Carballeira de San Xusto
Por Redacción
A IV Baixada de Carrilanas Carballeira de San Xusto, que se celebrará o vindeiro sábado 23 de xullo, presentouse oficialmente este xoves.
"Estou convencido de que recuperará o seu esplendor despois do parón da pandemia xa que esta proba caracterízase pola espectacularidade", asegurou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado de membros da organización.
Trátase dunha competición incluída dentro do Campionato Galego da especialidade, ao amparo da Federación Galega de Deportes de Inercia (FGDI).
A baixada desenvolverase a partir das 16.00 horas nun tramo de 1.200 metros desde o cruzamento da estrada N-541 ata a contorna da carballeira, onde estará establecida a meta.
Ademais, en previsión do bo tempo e altas temperaturas, o Concello confirmou que se instalará na zona un servizo de bar e contarase coa música dun DJ.