Os bos números en defensa sitúan o Teucro como equipo menos goleado da categoría
Por Diego Espiño
A Sociedad Deportiva Teucro botou o ferrollo á súa portaría na presente tempada, na que marcha en cuarto lugar da División de Honra Prata con 13 puntos.
Despois de dez xornadas disputadas o equipo azul situouse como o menos goleado da liga, con 255 tantos en contra, dous menos que o Benidorm, sendo esta unha das principais explicacións do rendemento dos homes de Javier Barrios no inicio de competición.
O técnico teucrista centra boa parte dos seus esforzos en manter un bo ton defensivo, algo que se conseguiu en boa parte dos partidos, nos que alcanza unha media de 25,5 goles en contra.
Só o Alcobendas foi capaz ata o momento de chegar á cifra de 30 tantos contra os azuis, nun dos dous encontros que perdeu o bloque pontevedrés ata a data.
Con esa consistencia, axudada pola ausencia de lesións que está a facilitar unha boa rotación, o Teucro logrou sumar cinco triunfos e tres empates nunha competición que se está a caracterizar pola igualdade.
Os números vense acompañados dun diferencial de goles (+27) no que só lle supera o líder da categoría, a Barcelona B, ao mesmo tempo único club que só perdeu nunha ocasión.
En ataque as cifras realizadoras dos azuis son máis modestas con 282 goles, noveno equipo nesta disciplina, na que destaca o extremo Carlos García con 65 tantos na súa conta particular.