O Barakaldo e o seu fortín de Lasesarre poñen a proba o Teucro
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
Desprazamento complicado para a Sociedad Deportiva Teucro, que este sábado visita o Polideportivo Municipal de Lasesarre (19:00 horas) para enfrontarse a un Calmec Barakaldo que só cedeu un empate como local na presente liga, ante o Balonmano Alcobendas.
O conxunto vasco suma o resto de partidos na súa cancha por vitorias, pero en fronte terá un equipo, o pontevedrés, que conta con bos números como visitante, posto que a domicilio os de Javier Barrios lograron un triunfo e tres empates encaixando unha soa derrota, no derbi ante o Chapela.
A defensa intensa e aberta do Barakaldo preocupa ao preparador teucrista, que quere máxima concentración nos seus co obxectivo de evitar perdas de balón que repercutan en tantos doados para os vascos.
Os azuis, que partiron este venres rumbo ao País Vasco, contan con repetir o triunfo da pasada tempada en Lasesarre para afianzarse así nos postos de privilexio a custa dun rival que ocupa o sexto lugar con dous puntos menos que os azuis.
O encontro estará dirixido pola parella valencia composta por Bohigas Estela e Castañer Girbes.