Amenabar Zarautz só aguantou vinte minutos (30-25) a un Teucro moi superior
Por Ramiro Espiño
De non ser polo "gatillo doado" da parella arbitral, empeñada en converter en exclusión calquera mínimo contacto defensivo, esquecendo que o balonmán é precisamente iso, deporte de contacto, o partido entre Teucro e Amenabar Zarautz estaría rematado no minuto 25 da primeira parte.
Ata cinco minutos antes o equipo vasco se mantivo sempre a remolque pero a escasa distancia no marcador, pero en canto os de Javier Barrios apertaron en defensa e conseguiron correr ao contragolpe, as diferenzas empezaron a crecer e o marcador a dispararse en favor do conxunto azul.
Non pasara nada destacable nos primeiros vinte minutos. Xogo insulso, sen demasiada intensidade, que permitía ao cadro visitante disimular as súas carencias. O dinamismo do seu central, Erik Balenciaga, axudado pola pasividade defensiva local, lograba manter os seus preto, e mesmo chegar a empatar (8-8), no minuto 18.
Barrios pide tempo morto e rematáronse as contemplacións. Juan Bar apareceu na mesma medida que a defensa axustaba as axudas. E ao Amenabar apagóuselle a luz. En apenas tres minutos (do 20 ao 23 do primeiro tempo) pasouse do empate a 8 goles a un contundente 13-8.
Intentou parar a sangría o adestrador vasco, pero o seu tempo morto non cambiou as cousas e o Teucro seguiu defendendo e saíndo á carreira. A consecuencia dobrar o seu rival no luminoso (16-8, minuto 27). O Teucro lograra un demoledor parcial de 8-0 que só freou a rigorosidade arbitral e unha dobre exclusión permite aos vascos volver marcar.
Ao descanso todo parecía resolto. Pero os árbitros, que seguían "disparando" os seus dedos sinalando exclusións absurdas, lograban o que non conseguía o Amenabar. Outra dobre exclusión ao comezo da segunda parte, unida a erros nos lanzamentos dos teucristas, permiten ao equipo visitante reducir e poñerse a só tres goles abaixo (18-15). Quedaba un mundo, 25 minutos por diante, e Javier Barrios pide tempo morto.
Miguel Porto acerta coa porta rival e para a sangría. E aínda que máis lentamente o marcador volve agrandarse. De novo mediado o período Amenabar desaparece e o Teucro sen necesidade de apertar o acelerador, case por inercia, logra a súa máxima renda (28-19), a falta de pouco máis de cinco minutos, que simplemente sobraron aínda que serviron para dar tempo na pista aos menos habituais e que os vascos maquillasen un pouco os seus números.
S.D. TEUCRO (30): Juan Bar; David Chapela (1), Miguel Porto (3), Tomás Moreira (3), Víctor Rodríguez (3), Carlos García 5, 2 de penalti), Miguel Sío (4) -sete inicial-, Dani Cadilla (p.s.), Marcos Dorado (2), Carlos Pombo (2), David García Pichel (5, 2 de penalti), Iván Fernández, César Armán (1) e Borja Pedreira (1).
AMENABAR ZARAUTZ (25): Julen de Carlos; Mikel Muguerza (3), Josu Atorrasagasti (3), Ibón Sasiaín (4), David Aguirrezabalaga (7, 2 de penalti), Julen Aguirregomezcorta, Ión Alzaga -sete inicial-, Gorka Berridi (p.s.), Ánder Gárate, Erik Balenciaga (4), Íñigo Etxaniz (1), Mikel Beristain (1), Txomin Bujanda (1) e Jurgi Ondarra (1).
Árbitros: Miguel Martín Soria Fabián e José Manuel Iniesta Castillo (Valencia). Excluíron por dous minutos a Víctor Rodríguez, Marcos Dorado, Borja Pedreira (3, descualificado a falta de 14'12"), David García Pichel, Miguel Porto e Carlos García, polo Teucro, e a Mikel Muguerza, Ibón Sasiaín, Erik Balenciaga, Íñigo Etxaniz, Josu Atorrasagasti (2) e Julen Aguirregomezcorta, polo Amenabar Zarautz.
Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 7-5, 8-6, 9-8, 14-8, 17-10 (descanso), 18-15, 20-16, 23-18, 26-18, 28-20 e 30-25 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 500 espectadores.