O Farto saborea o seu mellor momento: "Estamos a achegarnos ao obxectivo de estar entre os 30 mellores do mundo en 2022"
Por Redacción
Na súa segunda tempada como equipo profesional de categoría UCI Continental Feminina, o Team Farto- BTC vive o seu mellor momento, tras saborear o primeiro triunfo da súa historia nunha carreira de categoría UCI.
Fíxoo a escuadra pontevedresa grazas á chipriota Antri Christoforou en La Classique Morbihan, en Francia, un resultado que impulsou o Farto no ranking internacional.
"En tan só ano e medio de existencia en división UCI conseguimos unha vitoria na categoría 1 e ante equipos moi potentes do top-20 mundial. É algo co que só podiamos soñar moi de lonxe ao comezo da tempada", afirma o mánager do equipo, Brais Dacal.
"Ademais, estamos a achegarnos ao obxectivo de estar entre os 30 mellores do mundo en 2022. Non nos imos a conformar nin a dar o ano por resolto con esta vitoria. Queda media tempada e moito traballo por facer e queremos seguir recollendo froitos do duro traballo que levamos a cabo", sinala con determinación.
Segundo a última actualización do ranking internacional, ao 17 de maio, o Farto ocupa o posto 31 con 215 puntos, sendo a terceira escuadra profesional española só por detrás do Movistar Team e do Bizkaia-Durango.
A esta situación contribuíron tamén as boas actuacións do conxunto en probas recentes como a Vuelta a Andalucía, na que ao top-10 de Christoforou sumáronse a mexicana Ariadna Gutiérrez e a canadense Marie- Soleil Blais en varias escapadas na cabeza de carreira, xunto ás sub-23 Lina Svarinska e Azulde Britz en labores de equipo, ademais foi o mellor equipo español na clásica Emakumeen Nafarroako do 10 de maio en Navarra.
Para poñer en valor o triunfo de Antri Christoforou en Francia, o Farto destaca que deixando de lado os resultados do potente Movistar, só se atopa outra vitoria no últimos tres anos para equipos continentais españois, a de Sandra Alonso para o Bizkaia Durango na segunda etapa da Setmana Valenciana en 2021.
Coa moral ao grande o Team Farto prepárase agora para disputar en Cataluña a Revolta, a finais de mes, ademais da clásica UCI Alpes Gresivaudan a primeiros de xuño, antes de continuar coas Copas de España como preparación para os campionatos nacionais.
CAMPIONATO GALEGO CONTRARRELOXO
Para completar o bo momento do equipo, o Farto sumou ademais medallas no Campionato Galego Contrarreloxo celebrado nas Pontes, grazas ao segundo posto xeneral e ouro sub-23 do seu ciclista Claudia García, ao superar á súa compañeira de equipo Carla Fernández, que a seguiu en ambas as dúas clasificacións.
Relacionadas:
-
O Team Farto inicia os trámites para renovar a súa licenza UCI Continental
Por Redacción |
-
Dobre fichaxe internacional para reforzar o plantel do Farto
Por Redacción |
-
O Team Farto consolídase no circuito UCI cun sexto posto na Vuelta a Andalucía
Por Redacción |
-
Unha inoportuna avaría priva ao Farto de pelexar polo seu primeiro triunfo UCI
Por Redacción |
-
Pontevedra goza coa emoción da Copa de España de ciclismo feminino
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O Farto promete "un plantexamento agresivo tentando romper a carreira" na cita da Copa de España na casa
Por Redacción |