Vilagarcía entrega a medalla de ouro da cidade ao Arosa
Por Redacción
A traxectoria no fútbol do Arosa SC segue recibindo galardóns. O último foi este sábado da man do Concello de Vilagarcía, que fixo entrega ao club da medalla de ouro para recoñecer e celebrar os seus 75 anos de historia.
Foi "un dos días máis importantes da historia", destacou o presidente do club, Manuel Abalo, que afirmou que este premio é "un recoñecemento a moitas persoas de Vilagarcía que durante moitos anos traballaron de forma altruísta por representar da mellor maneira posible á cidade a través do deporte máis popular do mundo, o fútbol".
Recoñeceu a través do seu discurso a traxectoria dos presidentes e directivos e directivas que tivo o equipo ao longo dos seus 75 anos e que "escribiron a nosa historia. Xeracións de vilagarciáns de diferentes épocas, con ideas políticas, gustos e formas de pensar distintas, pero que tiñan e teñen un nexo común grazas ao Arosa".
"Durante estes anos foron miles os xogadores que vestiron a camiseta arlequinada, tanto no primeiro equipo como na nosa canteira desde que naceu o equipo xuvenil en 1958", destacou Manuel Abalo, "un proxecto comprometido co labor social de formar en valores a través do deporte e de xerar un sentimento de identidade".
Agradeceu, como non, o compromiso de toda a afección, que os está acompañando en cada un das viaxes que realiza o equipo durante toda esta longa e complicada tempada "levando o nome de Vilagarcía por Galicia e por España adiante". Tamén na Lomba, onde "socios e socias e peñistas están a facer da Lomba o mellor campo da categoría en ambiente, como din os propios adestradores que nos visitan".
Finalmente, Manuel Abalo puxo en valor a importancia que teñen os patrocinadores e a corporación municipal, en especial o alcalde Alberto Varela. "Non hai maior satisfacción que te valoren e respecten na túa propia casa, neste caso na túa vila. O Arosa foi e será sempre historia viva de Vilagarcía e dos vilagarciáns", concluíu.
Relacionadas:
-
Rafa Sáez deixa de exercer como director deportivo do Arosa
Por Redacción |
-
Partido a vida ou morte para o Arosa na casa do Leganés B: "Está claro que non podemos fallar"
Por Diego Espiño |
-
Javi Fontán dá tres puntos de ouro o Arosa no partido contra o Móstoles (1-0)
Por Redacción |
-
Partido vital para o Arosa, que abre as portas da Lomba para recibir o Móstoles
Por Redacción |
-
Horario unificado para as dúas últimas xornadas da Segunda RFEF
Por Diego Espiño |
-
Entrega da medalla de ouro da cidade para o Arosa SC nun acto que se celebrará o 30 de abril
Por Redacción |