Moraña recibe os veteranos do FC Galicia de Suíza
Por Redacción
O Concello de Moraña recibiu este sábado ao club de veteranos do Fútbol Club Galicia de Suíza, que viñeron desde Berna para desputar un encontro de irmandade co Moraña CF.
O alcalde de Moraña, José Cela, recibiunos primeiro no Salón de Plenos do Concello, onde lles quixo dar a benvida á localidade e onde asegurou que van intentar facer unha visita á inversa por parte do club.
Despois da recepción no Salón de Plenos, os futbolistas puideron coñecer o casco urbano de Moraña cun paseo até a carballeira, na que o alcalde e a concelleira María José Sueiro lles explicaron máis sobre a cultura morañesa e gastronomía, facendo especial fincapé na Festa do Carneiro ao Espeto.
Xa ás 12:00 horas iniciouse o partido, que rematou cun resultado gañador para o Moraña por 6-1. No campo do Buelo, os xogadores do equipo suizo, capitaneados por Roi, un veciño morañés que reside naquel país, fixéronlle entrega ao alcalde dun escudo do equipo e Cela entregoulles unha figuriña de recordo de Moraña co símbolo do Carneiro.
Na recepción estiveron o alcalde de Moraña, José Cela, acompañado pola concelleira María José Sueiro e o presidente do club, Germán Rúa, así como doutros membros da directiva do club morañés.