Ángel Rodríguez quere "menos toques" para xerar ocasións de gol en Llanera
Por Manu Otero
O Pontevedra enfróntase este domingo, a partir das 17 horas, ao Llanera e farao nun dos escenarios máis particulares da categoría. O Pepe Quimarán ten as dimensións máis reducidas do grupo I de 2ª RFEF polo que os granates terán que saber adaptarse a esta circunstancia para regresar á Boa Vila con tres puntos fundamentais para manter o pulso polo primeiro posto.
"Foi unha semana moi boa de traballo en canto a nivel de adestramento, ritmo e intensidades, estou contentísimo por como foi e espero que a fin de semana vaia igual", declarou satisfeito Ángel Rodríguez na rolda de prensa previa á viaxe a Asturias.
Consciente das particularidades do escenario, o técnico leonés preferiu non variar en exceso a preparación do encontro. "Enfocamos a semana en nós, en como xogamos, xa adestramos en espazos reducidos. É certo que non imos competir nun campo coas mesmas dimensións das habituais e iso posiblemente afecte, pero non cambiamos a semana de adestramentos nin nada polo estilo", explicou, convencido de que se os seus xogadores xogan como está previsto, faranse coa vitoria.
Con todo, si que admite o preparador granate que nun campo reducido un xogo demasiado horizontal entraña graves riscos. "Nun espazo máis reducido, as axudas sempre están máis preto. Se queres facer un fútbol moi fluído por dentro e tocar demasiado sen ánimo de facer dano, cada roubo pode ser unha contra e pódenche facer dano", puntualiza.
Sobre o estilo de xogo do rival, comenta Ángel que "eles teñen unha forma de xogar, que é con xente arriba cun físico importante e con xente atrás cun físico importante. E moitas veces salvan a liña de medios". Para contrarrestalo, o Pontevedra debe "xogar rápido". Pero con matices. "Non hai que ser máis verticais pero si dar menos toques para poder conseguir unha ocasión de gol", puntualiza o leonés.
En Llanera, Rodríguez non poderá contar co mediocentro Miguel Román, sancionado por acumulación de tarxetas amarelas. E aínda que é consciente de que tres xogadores da talla de Seoane, Churre e Brais Abelenda están apercibidos, o técnico non pensa deixalos no banco por esta razón. "Ao final teñen que ir caendo os xogadores de mediocampo e de atrás, que son aqueles que con máis facilidade amoéstaselles", asume con naturalidade e sen preocupación por ter que dar entrada a xogadores que ata a data gozaron de menos minutos.
Outro debate habitual xornada tras xornada é a formación da dianteira. Recoñeceu Rodríguez que normalmente prefire xogar con Charles e Brais como punta de lanza, pero que haberá partidos nos que sexa máis conveniente que Rufo acompañe ao brasileiro. Este escenario parace o máis propicio para facelo, pero o adestrador preferiu non dar pistas sobre o seu once inicial.
"Pode ser que si ou pode ser que non. A decisión téñoa tomada pero non a vou a comentar", sinalou antes de recoñecer que o equipo tamén rende ben cando os dous máximos goleadores do equipo están sobre o céspede. "Complementáronse ben en partidos como a Segoviana ou en Luanco, notóuselles a gusto", encomiou.
A eterna incógnita resolverase minutos antes das 17 horas deste domingo.
Relacionadas:
-
O Llanera reduce ao Pontevedra (1-0)
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra reduce a carga dos seus adestramentos para que o equipo volva voar
Por Manu Otero |
-
O Pepe Quimarán, un campo 12 metros máis estreito que Pasarón, agarda o Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Miguel Román, sancionado; Churre, Seoane e Brais, ao bordo da suspensión
Por Manu Otero |
-
Tres goles en 14 minutos amargan o Arosa en Llanera (3-0)
Por Almu Dapena |