Miguel Román, sancionado; Churre, Seoane e Brais, ao bordo da suspensión
Por Manu Otero
O Pontevedra entra nunha fase decisiva da competición, cos seus principais rivais polo ascenso, Unión Adarve e Navalcarnero, no horizonte e faino con varias das súas principais pezas apercibidas de sanción.
O primeiro en caer foi Yelko Pino, que viu a súa quinta amarela en Santiago e tivo que perderse por sanción o partido en Pasarón contra o Móstoles. O prexudicado agora é o seu compañeiro na sala de máquinas granate: Miguel Román. O prometedor mediocentro foi amoestado por quinta vez na tempada no último encontro contra o Marino e terá que perderse o partido do próximo domingo contra o Llanera.
Pero a situación de risco afecta a máis xogadores. Os defensas Churre e Diego Seoane suman tamén catro amoestacións, mesma situación na que se atopa Brais Abelenda. Trátase dunha situación común a estas alturas de tempada, pero dada a proximidade de duelos transcendentais e a importancia destes xogadores nos plans de Ángel Rodríguez, toma un cariz máis preocupante.
O lateral e o dianteiro viron a súa cuarta tarxeta amarela da campaña no último partido, mentres que Churre xa tiña que ter cumprido ciclo hai semanas. Foi amoestado por quinta vez na xornada 14 contra o Langreo, pero nese mesmo partido acabou sendo expulsado por dobre amarela, polo que continúa apercibido de sanción.
Llanera, Gimnástica Segoviana e Coruxo son os duelos que terá que afrontar o Pontevedra antes da cita en Pasarón contra o Unión Adarve e a posterior visita ao Navalcarnero. É por iso que os tres xogadores extremar as precaucións para non perderse ningún destes dous partidos nos que o cadro granate xogarase boa parte das súas opcións de ascenso directo a Primeira RFEF.
E non só estes tres xogadores están preto de cumprir ciclo de amoestacións, con tres tarxetas amarelas atópanse Álex González, Charles, Romay e Oier Calvillo, que tamén deberán medir as súas accións en defensa e as súas protestas cara aos áritros para non poñerse en perigo.
Relacionadas:
-
O Llanera reduce ao Pontevedra (1-0)
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez quere "menos toques" para xerar ocasións de gol en Llanera
Por Manu Otero |
-
O Pepe Quimarán, un campo 12 metros máis estreito que Pasarón, agarda o Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Charles é optimista sobre a súa lesión: "Non creo que sexa nada grave"
Por Redacción |
-
Ángel Rodríguez incide no penalti non pitado a Brais Abelenda: "Es imposible que no lo haya visto, lo hemos visto todos"
Por Almu Dapena |
-
O árbitro, triste protagonista nun polémico empate do Pontevedra contra o Marino (0-0)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |