A permanencia do Teucro pende dun fío tras caer en casa contra o Amenábar (25-30)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
A Sociedad Deportiva Teucro meteuse nun pesadelo da que é imposible espertar. O conxunto adestrado por Irene Vilaboa tiña este sábado ante a súa afección a opción de sumar dous puntos vitais para a permanencia na División Honra Prata, pero lonxe de sumar, caeron por un contundente 25-30 que pon costa arriba a segunda fase da tempada.
Teucro e Amenábar saltaron á cancha sabendo o que se xogaban, e é que coa permanencia en xogo todo podía pasar. Comezou mandando o conxunto visitante, que liderado por Beñat Manterol colocábase cunha vantaxe de 1-3 durante os primeiros instantes. Pero o equipo de Irene Vilaboa replicaba da mesma forma con Vinicius e Dzokic, que con tres goles entre os dous daban a volta ao marcador (4-3).
Non se descompuxo o conxunto vasco ante a arrancada teucrista, todo o contrario. E é que nun visto e non visto exhibíronse tanto en defensa como en ataque para pisar o acelerador e anotar un parcial de 1-7 que acendeu as alarmas no Teucro. Cambiou a unha defensa 5-1 a adestradora local, dando coa tecla para recortar distancias e devolver a esperanza ao seu equipo (9-12).
Quedaban menos de 10 minutos para alcanzar o descanso e parou o cronómetro o técnico visitante, buscando romper coa mala serie dos seus. Pero aí estaban Caue Herrera e Gonçalo Areais, que se encargaban de igualar a contenda e meter ao Teucro de cheo no partido para afrontar da mellor maneira a segunda metade (13-13). Pero volveron abrir diferenzas Aitor Atorrasagasti e Oian Balenciaga, que responderon nos minutos finais para irse ao descanso cunha pequena renda de dous goles no marcador (13-15).
Despois do paso polos vestiarios complicouse aínda máis o conxunto pontevedrés coa exclusión de Emilio Pintos, que o deixaba en inferioridade numérica. Non atopou resposta o Teucro nin nas rotacións nin no cambio de xogo, e é que Zarautz, liderado por Balenciega e Manterola con 7 e 8 goles cada un, volvían abrir as diferenzas (14-18) que se mantiveron ata o minuto 15, cando emerxeu a figura de Marko Dzokic para osixenar ao seu equipo (20-22).
Pero lonxe de manterse no partido, os azuis volveron desaparecer, mentres Amenábar ampliaba de novo o colchón para retomar o dominio total do partido e sentenciar cun doloroso 25-30 que deixa ao Teucro na estacada.
Consulta as estatísticas do Teucro- Amenábar na seguinte ligazón
Relacionadas:
-
Obxectivos dispares para Cisne e Teucro na última xornada da primeira fase de liga
Por Almu Dapena |
-
O Teucro sucumbe ante o Guadalajara no partido aprazado da xornada 9 (27-32)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
'Match ball' para o Teucro e xornada intranscendente para o Cisne
Por Redacción |
-
O Teucro regala entradas aos seus socios e convida os equipos galegos de base aos seus dous próximos partidos
Por Redacción |
-
O Teucro complícase na casa do Villa de Aranda (27-22)
Por Almu Dapena |
-
Alcobendas deixa o Teucro co mel nos beizos (28-27)
Por Almu Dapena |