"O equipo máis en forma" contra o menos goleado e goleador
Por Manu Otero
O Pontevedra afronta este domingo, ás 17 horas no estadio Helmántico, o último partido do ano. Os granates mediranse ao Salamanca CF UDS, un dos equipos chamado a loitar polo ascenso pero que terminará o ano na zona baixa da clasificación, á que os levou a súa dificultade para facer goles, pois só conseguiron anotar catro tantos en 15 partidos.
Os de Ángel Rodríguez, pola súa banda, tratarán de prolongar o seu bo momento de forma e de resultados. Pero terán que facelo sen os lesionados Rufo, Oier Calvillo e o canteirán Pablo López, así como coa dúbida ata última hora de Javi Rey, lastrado por unhas molestias no abdutor. Os que xa deixaron atrás os seus problemas físicos son Manuel Romay e Iñaki, que xa están ao dispor do adestrador para entrar na convocatoria.
O ambiente en Salamanca está caldeado, posto que as aspiracións do equipo eran moito máis altas do que mostra a táboa clasificatoria. O técnico local non o oculta e recoñece que o partido do domingo é o "último do ano e o máis importante de todos pola traxectoria que levamos".
Tampouco esconde Antonio Calderón que se enfrontarán un dos cocos da categoría. "Temos un rival complicado, o máis en forma do grupo, o mellor visitante, teñen ao máximo goleador e chegan nun bo momento. Necesitamos dar o mellor de nós", sostén o preparador.
Calderón ten moi ben estudado o estilo de xogo de Rodríguez, pero aínda así tampouco mostra plena seguridade en saber como contrarrestalo. "O Pontevedra vai vir a xogar como xoga todos os partidos, xoga igual fose que en casa. Nós aqui tamén adoitamos levar o peso, pero igual o Pontevedra quítanos o balón e fainos defender máis", contempla o adestrador charro.
Aínda que non é a única, parar a Charles é a súa principal preocupación. "É un goleador contrastado, está a pleno rendemento, é o que remata todas as súas accións, pero para que el remate os que están detrás teñen que acompañar e están a moi bo nivel", remarca o preparador poñendo o foco tamén en Álex González, Rubio, Brais, Yelko ou os laterais Seoane e Araújo.
O plan do Salamanca en defensa está claro: "pechar ben os corredores de dentro, porque tentan meter balóns dentro para saír fose e centrar e hai que fixar ben a marca porque Charles é moi listo dentro da área. Incidimos en contrarrestar esa fortaleza que ten o Pontevedra", inistió.
A ansiedade pola falta de gol, así como as numerosas baixas por sanción que arrastran, é outro dos factores que xogarán en contra dos locais o domingo. "Queremos gañar e marcar pronto un gol, porque iso vainos a animar. Se non van pasando os minutos, entran as présas e costa moito", rematou Antonio Calderón.
Relacionadas:
-
O Pontevedra queda só na persecución ao Unión Adarve
Por Manu Otero |
-
Última alegría do ano do Pontevedra vencendo o Salamanca no Helmántico (1-2)
Por Redacción |
-
Pesar no Pontevedra polo falecemento da nai de Ángel Rodríguez
Por Redacción |
-
O Pontevedra despide o ano contra un rival que nin marca nin se deixa marcar
Por Manu Otero |
-
Seoane, un asistente 'de Primeira': "Temos un obxectivo moi esixente pero estamos a gozar do camiño"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra segue en modo vitoria e bate o Ceares en Pasarón (3-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |