Seoane, un asistente 'de Primeira': "Temos un obxectivo moi esixente pero estamos a gozar do camiño"
Por Diego Espiño
É o segundo xogador do Pontevedra Club de Fútbol que máis minutos acumulou no que vai de tempada (1.333), só superado por un compañeiro en defensa como David Soto (1.350). Non en balde é un fixo nos plans do técnico partindo todas as xornadas ata a data como titular, pero é que ademais Diego Seoane foi incrementado o seu nivel co paso dos partidos ata converterse en toda unha arma ofensiva para o equipo pontevedrés.
O lateral ourensán acumula xa cinco asistencias esta tempada, con pases e centros nas súas incorporacións pola dereita que, especialmente nas últimas semanas, resultaron en grao sumo produtivo.
"Hai dous factores niso das asistencias, un é o que a pode dar pero outro é que a mete, e a verdade é que dá gusto poñer un balón na área este ano porque temos uns rematadores que se non vai ben igual fancha boa e se vai ben hai bastante garantía de que vaia para dentro", recoñece o propio Seoane.
Ademais dunha 'semi-asistencia' contra o Bergantiños, ao aproveitar Brais un despexe seu, o lateral granate deu un pase de gol a Rufo na goleada (3-0) fronte ao Llanera e tamén foi crucial co seu servizo a Brais Abelenda para facer o primeiro gol en Avilés (0-3) e para que Charles marcase o primeiro dos seus dous tantos en Langreo (1-2).
A ese centro medido en Asturias para a cabeza do brasileiro uniuse este pasado domingo, só unha semana despois, dúas asistencias máis no duelo fronte ao Ceares (3-1), primeiro cun centro para Abelenda para abrir o marcador e despois co seu servizo á cabeza de Charles para o gol que pechaba o partido, tras unha carreira de defensor pola banda.
O propio pichichi granate agradeceullo con efusividade na celebración aínda que "el fai moito para que o balón vaia dentro, a verdade é que o fai moi fácil", sinala Diego Seoane restándose importancia.
Con experiencia en Primeira e Segunda División en equipos como Deportivo, Lugo ou Ponferradina, o defensor granate asegura estar "encantado" en Pontevedra, onde aterrou este curso procedente do Racing de Ferrol.
"As cousas están a ir ben deportivamente e a cidade é preciosa, pero non a gozaría se as cousas non fosen ben, son moi autoesixente", recoñece. Tanto que non lle desbasten pezas en fixar o primeiro posto como obxectivo prioritario do equipo, xa que "o único que quero é conseguir o obxectivo, que é ascender".
En todo caso, favorecido por un sistema que favorece as incorporacións dos laterais dándolles protagonismo en ataques ante defensas pechadas, Seoane defende que "este ano temos un obxectivo moi esixente pero estamos a gozar do camiño", cun grupo de xogadores que "está moi contento coa forma de xogar. Creo que estamos nunha sintonía moi boa".
Para poñer a guinda a todo iso o liderado é a meta que agora se fixan esperando que o Unión Adarve baixe o seu actual nivel: "Non o escondo nunca, quero ser primeiro. Ser segundo non me vale, pero estamos a facer o máximo posible sacando os partidos de tres en tres",
Gañar por tanto en Salamanca a próxima fin de semana no último partido de liga do ano é un paso importante para meter presión ao cadro madrileño, un rival que "sorprende un pouco" verlle en posicións de descenso pero que "é un equipo difícil e unha entidade que ten nome", avisa, aínda que nun "campo grande e de herba" como o Helmántico "favorécenos". Iso si, "seguro que é un equipo difícil", prognostica o futbolista granate.
Relacionadas:
-
Última alegría do ano do Pontevedra vencendo o Salamanca no Helmántico (1-2)
Por Redacción |
-
"O equipo máis en forma" contra o menos goleado e goleador
Por Manu Otero |
-
Pesar no Pontevedra polo falecemento da nai de Ángel Rodríguez
Por Redacción |
-
O Pontevedra despide o ano contra un rival que nin marca nin se deixa marcar
Por Manu Otero |
-
VÍDEO.- Os tempos escuros do Pontevedra nos noventa, un exemplo de "Resistencia"
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez, tras a vitoria do Pontevedra contra o colista Ceares: "Nos costó más de lo esperado"
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra segue en modo vitoria e bate o Ceares en Pasarón (3-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |