O CW Pontevedra afronta esta fin de semana a súa primeira competición posterior á pandemia

Por Redacción
Os equipos sénior do Club Waterpolo Pontevedra xa teñen data para o seu regreso á competición. Será o 25 de setembro coa disputa da Copa Galega absoluta masculina, que terá lugar na piscina Rosario Dueñas de Ourense.
Despois de 18 meses sen disputar un partido oficial, a directiva do club decidiu inscribir a dous equipos para que ningún xogador quede sen gozar do regreso da competición. Así, a expedición pontevedresa contará con 24 xogadores de categoría sénior e xuvenil. En Ourense, competirán con outros seis equipos galegos.
A competición comezará ás 9.30 horas coa disputa da rolda de cuartos de final. O CW Pontevedra B enfrontarase ao CW Coruña Rías Altas e o CW Pontevedra A medirase co CW Santiago. Se gañan, en semifinais esperan, por unha banda, o RCN Vigo A ou B e, por outro, o CW Pavillón Ourense ou o CW Lugo. As semifinais dispútanse o sábado pola tarde e o domingo ás 12 horas, a final.
O mesmo sábado dispútase tamén a Copa Galega feminina na que o CW Pontevedra non inscribiu equipo pero si estará representado polo CW Pavillón Ourense, clubs que fusionaron os seus equipos sénior femininos.