Accidentado debut de Támara Echegoyen e Paula Barceló nos Xogos, cun oitavo posto provisional
Por Diego Espiño
O campo de regatas de Enoshima foi escenario este martes da estrea de Támara Echegoyen nos Xogos Olímpicos de Tokyo, cita na que aspira a todo na clase 49er FX.
A regatista pontevedresa e a súa compañeira Paula Barceló demostraron na primeira xornada ser unha das tripulacións a seguir, non en balde son campioas do mundo, pero tras un esperanzador inicio víronse penalizadas nas dúas seguintes mangas para finalizar o seu primeiro día na oitava posición provisional.
Echegoyen e Betanzos asinaron o segundo posto na primeira regata da xornada, tras as británicas Charlotte Dobson e Saskia Tidey, demostrando a súa capacidade. Con todo na segunda das mangas cando pelexaban pola cabeza sufriron un envorco que lastrou o seu resultado. A pesar diso e de caer á auga, foron capaces de remontar ata a décima praza da regata.
Ese resultado colocábaas no cuarto posto da xeral a falta da última proba do día. O que non esperaba o equipo galego-balear era verse descualificadas da mesma por un fóra de liña tras ser terceiras, resultado que se converteu automaticamente no seu descarte relegándoas ao citado oitavo lugar.
O debut olímpico de Támara Echegoyen, ouro en Londres 2012 e cuarta en Río 2016, foi por tanto de máis a menos, aínda que o positivo é ter demostrado a súa competitividade cando aínda restan nove mangas por diante antes da decisiva Medal Race.
A competición olímpica do 49er FX está a ser dominada polo momento por Charlotte Dobson e Saskia Tidey, coas estadounidenses Stephanie Roble e Maggie Shea na segunda posición e as brasileiras Martine Grael e Kahena Kunze na terceira.
Relacionadas:
-
Támara Echegoyen queda a un punto do bronce e repite en Tokyo o cuarto posto de Río 2016
Por Diego Espiño |
-
Aprazada por falta de vento a Medal Race de Támara Echegoyen no 49er FX
Por Diego Espiño |
-
Támara Echegoyen e Paula Barceló clasifícanse en cuarta posición para a Medal Race
Por Almu Dapena |
-
Támara Echegoyen e Paula Barceló salvan unha complicada xornada e colócanse a un punto do liderado
Por Diego Espiño |
-
Támara Echegoyen métese de cheo na pelexa polas medallas tras unha gran remontada
Por Diego Espiño |
-
Támara Echegoyen aterra en Tokyo e inicia a conta atrás para os seus terceiros Xogos Olímpicos
Por Diego Espiño |
-
Támara Echegoyen: "Se hai só unha oportunidade de que haxa Xogos, temos que chegar o mellor preparadas posible"
Por Diego Espiño |