Támara Echegoyen e Berta Betanzos finalizan o Mundial no vixésimo primeiro posto
Por Redacción
A localidade francesa de Marsella acolleu nos últimos días o Campionato do Mundo de Vela na clases 49er e FX, cun resultado que se pode considerar positivo para Támara Echegoyen e Berta Betanzos nesta última categoría.
As regatistas, que afrontan o seu primeiro ano con esta embarcación tras a exclusión do programa olímpico do Match Race, finalizaron a competición no vixésimo primeiro lugar, sendo a mellor tripulación española na súa clase.
Echegoyen e Betanzos foron progresando co paso das xornadas e a pesar do escaso vento no campo de regatas conseguiron clasificarse para a 'petit final', a que compoñen do undécimo ao vixésimo primeiro posto, despois de liderar o Grupo Prata.
O tándem galego-cántabro mostrouse satisfeito do resultado conseguido despois de navegar só uns meses na súa nova categoría: "estamos muy contentas con la progresión con poco viento. Estamos en el camino correcto y hay que ir paso a paso", aseguraba Echegoyen ao termo do Mundial.
O título final foi para as neozelandesas Alexandra Maloney e Molly Meech, seguidos das brasileiras Martine Soffiati e Kahena Kunze na segunda posición e as francesas Sarah Steyaert e Julie Bossard na terceira.