O Memorial Valenciaga reactiva a Copa de España de ciclismo medindo as opcións do Froiz
Por Redacción
Case un mes despois, debido a aprazamentos como consecuencia da situación sanitaria, a Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo volve botarse á estrada. Faino ademais cunha das probas máis prestixiosas do calendario, o Memorial Valenciaga que organiza o o Club Ciclista Eibarrés no País Vasco e que chega á súa 50 edición.
Alí estará, o vindeiro domingo 11 de abril, un Grupo Deportivo Supermercados Froiz que ten como gran reto do ano unha Copa de España que se lle resiste pero na que comezou con bo pé, situando a Pablo Alonso na quinta posición da xeral e a Santiago Cadavid na 12ª.
O obxectivo no Valenciaga será por tanto tentar consolidar a posición do seu ciclista como un dos aspirantes ao título. Agora mesmo, con 60 puntos, sepáranlle outros 60 do actual líder, Marc Brustenga (Caja Rural).
Alonso será o xefe de filas do Froiz no Valenciaga, acompañado de Ramón Fernández, Nicolás Antorena, Diego Cano, Louis Bilyard, Miguel Mera e Santiago Cadavid.
Por diante o pelotón de ata 175 ciclistas terá que afrontar 153 quilómetros dun esixente percorrido, con subidas a Itziar, Aia, Ixua, San Miguel e a definitiva a Usartza, en Arrate.
O Froiz rozou en 2019 a vitoria nesta prestixiosa proba con Diego Noriega (segundo), e aspira a facerse coa súa segunda Valenciaga (gañouna en 2006 con David Rodríguez). Palabras maiores vendo un palmarés no que figuran grandes nomes do pelotón profesional das últimas décadas como Óscar Freire, Chechu Rubiera, Mikel Neve ou Joaquim 'Purito' Rodríguez. Ao podio subíronse ademais a outros grandes ciclistas como Richard Carapaz (segundo en 2016), Andrey Amador (segundo en 2008), Juan Antonio Frecha (segundo en 1999) ou Iban Maiy (terceiro en 1999), entre outros.
Relacionadas:
-
Este ano, si. O Supermercados Froiz vai pola Copa de España
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Ramón Fernández, o mellor do Froiz no Memorial Valenciaga cun noveno posto
Por Redacción |
-
Pablo Alonso, do Supermercados Froiz, presenta a súa candidatura ao título na Copa de España
Por Redacción |
-
O Froiz e unha vella aspiración, a Copa de España Elite e Sub-23
Por Redacción |
-
Un oitavo posto de Ramón Fernández en Colindres, posta en escena na tempada do Froiz
Por Redacción |
-
Salto de calidade do Froiz estreando nova sede: "Non somos un equipo profesional na licenza, pero no traballo si"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |