O Ourense Envialia deixa o Poio Pescamar sen final da Copa Xunta (3-1)
Por Redacción
A eliminatoria interminable resolveuse por fin. Máis dun ano despois de que a irrupción da covid obrigase a aprazar o partido de volta das semifinais da Copa Xunta, e tras outro aprazamento por medio ao comezo xa desta tempada, Ourense Envialia e Poio Pescamar saldaron contas.
Ambos os dous equipos enfrontáronse este martes en Ourense para decidir un cruzamento cuxa ida acabara en empate sen goles, e do mesmo xeito que sucedeu na Copa da Raíña, a moeda saíu cruz para as conserveiras, ao non poder avanzar á final e pelexar así polo seu terceiro título autonómico.
As vermellas víronse superadas polo seu rival desde os primeiros instantes, tanto que Judith adiantou ás locais no primeiro minuto de xogo, aproveitando un roubo na presión e definindo con acerto ante Silvia.
A presión do Envialia poñía en moitas dificultades ás de Manu Cossío, e só o bo facer da gardameta internacional do Poio impedía que a desvantaxe fose maior con varias intervencións. Non conseguiu con todo deter a Sara Moreno no minuto 12, que tras outra recuperación conseguía poñer o 2-0 no electrónico. E só un minuto despois un penalti de Silvia aproveitábao Laura para facer o terceiro.
Poñíase moi complicado o pase á final para o Poio Pescamar nunha primeira parte na que foron inferiores, e na que só Clara tivo opción de anotar a pouco do descanso, desbaratando Vane a opción.
Tras o paso por vestiarios melloraron as vermellas, aínda que só cun penalti sobre Ana Rivera permitía recortar distancias a Dani Sousa. Faltaban 11 minutos e abríase a esperanza de remontar.
Eran os mellores minutos do equipo, que puido facer o segundo pouco despois nunha acción de estratexia, marchando desviado por pouco o disparo de Ana, ata que no 35 chegou a sentenza, ao aproveitar Judith un rexeite para poñer o 4-1.
Cossío tentouno co xogo de cinco, pero tampouco así atopou o camiño un Poio Pescamar que se despide da Copa Xunta e céntrase xa na segunda fase da liga, na que buscará meterse no play-off polo título.
Relacionadas:
-
O Burela golea o Poio Pescamar e segue invicto na pelexa polo play-off (4-1)
Por Almu Dapena |
-
Burela-Poio Pescamar, terceiro asalto
Por Redacción |
-
Repartición de puntos entre Poio Pescamar e Torreblanca tras un intenso partido (1-1)
Por Cristina Saiz |
-
Primeira parada do Poio Pescamar no seu camiño cara ao play-off: "Cada punto en la segunda fase es muy importante"
Por Diego Espiño |
-
O Melilla de Marcio Santos, primeiro rival do Poio Pescamar na segunda fase da liga
Por Diego Espiño |
-
O Poio Pescamar finaliza a primeira fase ligueira con derrota ante o Futsi Navalcarnero (1-2)
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O Poio Pescamar rasca un punto da súa visita o Penya Esplugues (3-3)
Por Almu Dapena |