O piragüismo nacional reiníciase esta fin de semana co campionato de España de inverno
Por Redacción
A competición nacional de piragüismo está de volta despois dun ano en branco. Esta fin de semana celébrase en Sevilla o Campionato de España de Inverno júnior, sub 23 e sénior no seu cincuenta aniversario, onde participarán 792 deportistas pertencentes a 113 clubs de toda España, que se darán cita no Guadalquivir. Os padeeiros galegos, que serán máis de 200 pertencentes a unha trintena de clubs, parten entre os favoritos ao podio.
Na modalidade de fondo, boa parte dos favoritos teñen a súa base de adestramento en Galicia e, algúns deles, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. É o caso de Diego Romero e Noel Domínguez, favoritos na canoa sénior. A pontevedresa do EPCP Antía Jácome ten grandes posibilidades de sumar medalla na canoa sub 23. Máis competencia terá na mesma categoría o seu compañeiro de equipo Pablo Crespo e David Barreiro.
A júnior do Ciudad de Pontevedra, Antía Otero, parte tamén entre as favoritas da canoa igual que Diego Domínguez, do Breogán.
En kaiak, Iago Monteagudo, sénior do Naval de Pontevedra; e os júnior do Verducido Mauro Domínguez e Anxo García teñen múltiples papeletas para pelexar por medallas.
Baixo unhas estritas medidas de seguridade dada a situación actual de pandemia. As probas comezarán o sábado ás 8.30 horas da mañá coas clasificatorias de contrarreloxo sobre 2000 metros. As finais, sobre a distancia de 5000 metros en liña, comezarán o sábado ás 15.30 horas, continuando o domingo a partir das 9 horas.
Relacionadas:
-
O Ciudad de Pontevedra finaliza entre os dez primeiros no Campionato de España de Inverno
Por Redacción |
-
Ao redor de 550 piragüistas, no Campionato Galego de Inverno en Verducido
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O piragüismo autonómico reactívase en Verducido co Campionato Galego de Inverno
Por Redacción |