A humidade dana as capas máis profundas da cancha do Municipal e motiva a súa rehabilitación
Por Redacción
O Concello de Pontevedra proxecta a rehabilitación integral da pista deportiva do Pavillón Municipal dos Deportes. O departamento que dirixe o socialista Tino Fernández encargou unhas catas con cámaras endoscópicas que permitirán coñecer o estado das capas de madeira máis profundas deste recinto deportivo, moi afectadas pola acumulación de humidade durante anos.
Cun orzamento inicial de 18.000 euros que inclúe a redacción do proxecto básico e de execución de obra, contratado xa ao arquitecto José Ramón Garitaonaindía de Vera, o goberno local ten constatado xa que "á marxe das pingueiras e filtracións de auga, a localización do pavillón nunha zona de marisma derivou en condensacións e humidades que afectaron as capas máis inferiores da pista", contextualiza Fernández.
Para coñecer con exactitude os problemas que padece o pavimento desta infraestrutura, "é necesario facer catro ou cinco buracos con trade en diferentes puntos da pista polos que introducir unha cámara que permitirá ver o grao de deterioración", explica o titular de Deportes.
Os resultados permitirán tomar a mellor decisión á hora de elixir o tipo de intervención a levar a cabo para tratar estas humidades e repoñer o pavimento da pista deportiva.
Así mesmo, antes de que finalice o ano a pista deportiva do Municipal estreará un novo par de porterías de balonmán compradas á empresa Medulio Servizos e Obras por 3.214 euros.
Doutra banda, a reforma do campo de fútbol de Salcedo continúa avanzando. Despois da recepción dos 14.800 metros cadrados de terreo cedidos pola Mancomunidade de Montes ao Concello de Pontevedra, a Xunta de Goberno aprobou xa a solicitude formal á Deputación de Pontevedra para a firma dun convenio de colaboración entre ambas as administracións que derive na concesión dunha subvención para o financiamento do custo total do proxecto, cuxo orzo base de licitación é de 1,6 millóns de euros.
Relacionadas:
-
O PP urxe a reparación das cubertas do Municipal e os Multiusos para acabar coas pingueiras
Por Redacción |
-
O Consello Superior de Deportes concede unha subvención de case 140.000 euros para as obras do Municipal
Por Redacción |
-
Dúas empresas optan á renovación do pavimento do Pavillón Municipal
Por Redacción |
-
Comeza a instalación do pavimento deportivo sintético no Pavillón dos Deportes
Por Redacción |
-
Piden a Costas desafectar o ámbito do pavillón de deportes e gran parte da Xunqueira
Por Alejandro Espiño |