O campo de golf de Monte Castrove reabre coa fase 1 da desescalada
Por Redacción
Coa entrada na fase 1 da desescalada as instalacións deportivas ao aire libre poden retomar a actividade, e así o fará o campo de golf de Monte Castrove a partir do próximo mércores 13 de maio.
Así o confirmou a Fundación Monte Castrove, xestora da instalación, tras o visto e prace da Federación Galega de Golf. Para iso en colaboración do Club de Golf Chan do Fento elaborou un protocolo para garantir a seguridade.
Entre as normas establecidas neste protocolo destaca, por exemplo, a recomendación de evitar o saúdo físico, como dar a man ou xestos similares que impidan manter a distancia social de seguridade de 2 metros entre os xogadores.
Non será en todo caso unha apertura para todos os públicos, xa que só poderán acudir ao campo para practicar este deporte xogadores federados e da provincia de Pontevedra, ao non permitir o Goberno polo momento a mobilidade interprovincial. Ademais será necesaria unha reserva previa que debe realizarse a través do teléfono 986 680 400 (de 9:00 a 20:00 horas).
Segundo informou a Fundación, a actividade no campo de golf retomarase este martes 12 de maio só para pechar as reservas e o día 13 para iniciar a actividade deportiva.