Samertolameu abre brecha na Liga Galega de Traíñas con dous novos triunfos e Mecos complícase a vida
Por Redacción
Novo triunfo inapelable de Samertolameu de Meira na sexta xornada da Liga Galega de Traíñas. A cuarta vitoria da temporada, e terceira de xeito consecutivo, chegou para a embarcación moañesa nas augas do porto de Celeiro. Os remeiros da Terca consolídanse no liderado da clasificación xeral por diante de Cabo da Cruz, que tamén ocupou a segunda praza na II Bandeira de Traíñas A Mariña.
O guión protagonizado por Samertolameu foi similar ao das súas anteriores vitorias. Marcou as diferenzas dende o inicio, e no primeiro dos seis longos xa aventaxaba en cinco segundos a Cabo. Unha renda que duplicou ao paso pola segunda ceaboga. Con esta imparable posta en escea do equipo adestrado por Xosé Manuel Francisco, a atención na quenda de honra centrouse nas outras tres traiñeiras.
Amegrove resistiu o ritmo de Cabo nos dous primeiros longos, pero os de Boiro acabaron acadando con claridade o seu cuarto segundo posto do curso. O bote amarelo de O Grove mellorou as súas prestacións das últimas regatas e rematou terceiro, mentres que Chapela quedou relegada á última praza no duelo entre os catro mellores clasificados na xeral.
Os da Arealonga tamén foron superados por Mugardos, clara gañadora da primeira serie. A Cabana foi outra das grandes beneficiadas desta bandeira. Despois de non poder brillar a xornada anterior na regata celebrada na súa casa, os ferroláns fixéronse co segundo lugar na primeira quenda por diante de Vilaxoán, que pugnou con Mecos-Mondariz ata o último longo para eludir a derradeira posición.
SAMERTOLAMEU GAÿOU TAMEN NO FERROL
Samertolameu de Meira tamén dominou de principio a fin na décima edición da Bandeira Concello de Ferrol, celebrada o sábado. Os tempos parciais do conxunto dirixido por Xosé Manuel Francisco non atoparon rival desde o inicio. Na primeira ceaboga conseguía dous segundos de marxe sobre Chapela e cinco sobre Amegrove e Cabo.
Na segunda referencia a renda de Samertolameu xa era de sete segundos sobre Cabo e Chapela, mentres que Amegrove descolgábase con claridade. Coa primeira praza de Meira prácticamente sentenciada, a batalla polo segundo posto centrou toda a atención. Cabo voltou a remar de menos a máis e rematou batendo a Chapela por catro segundos.
Na primeira quenda o triunfo de Vilaxoán tamén resultou incontestable. Mecos-Mondariz, que comezou con forza, acabou terceira por detrás de Mugardos. A embarcación local de A Cabana non puido brillar na súa regata e finalizou na derradeira posición.
Tras seis probas celebradas, Samertolameu encabeza a táboa con 46 puntos, dous máis que Cabo da Cruz. Chapela, con 32 puntos, continúa terceira, con tres de vantaxe sobre Amegrove e seis respecto a Mugardos. Vilaxoán é sexta en terra de ninguén, e na loita pola permanencia A Cabana (12 puntos) ten un colchón de tres puntos con Mecos-Mondariz.
Relacionadas:
-
Mecos non se rende nunha Liga Galega de Traíñas na que Samertolameu volveu a demostrar o seu dominio
Por Redacción |
-
Amegrove e Mecos naufragan na casa, Samertolameu e Cabo da Cruz, máis líderes da Liga Galega de Traíñas
Por Redacción |
-
Cabo da Cruz e Samertolameu, líderes da Liga Galega de Traíñas tralas súas vitorias no Grove e Sanxenxo
Por Alejandro Espiño |