Remonta o Pontevedra con dous goles de Adighibe a Las Palmas Atlético (1-2)
Por Ramiro Espiño
Volve o Pontevedra á senda do triunfo despois de remontar con dous goles de Adighibe a un Las Palmas Atlético que se adiantara nos minutos iniciais ao aproveitar un grave erro defensivo granate. Os de Pouso ofreceron unha actuación moi completa, superando os seus titubeos iniciais, que lle duraron pouco máis de dez minutos, para sumar tres puntos e volver mirar cara arriba.
Non pintaba nada ben a mañá para o Pontevedra cando, a pouco de comezar, os granates repetían vellos erros e regalaban o primeiro gol local, neste caso como consecuencia dun erro individual de Jaouad que, o tentar ceder atrás, deixou o balón para que os canarios resolvesen a franca superioridade cun disparo raso e cruzado de David Herrera.
A acción chegaba cando nin un nin outro ofreceran máis que intentos de adaptarse ás malas condicións do terreo de xogo, e acusouno o Pontevedra, que non reaccionou ata pasado o cuarto de hora de xogo. A partir de aí os de Pouso espertaron e empezaron a crecer, facéndose co control do partido, cun Adighibe omnipresente en todas as accións.
O primeiro aviso daríao con todo Romay, cun remate de cabeza picado, en boa posición, pero que saíu excesivamente centrado, ás mans do meta local. Máis serio sería o segundo, cun disparo en semichilena de Adighibe, que repeleu o traveseiro.
Ata que á terceira foi a vencida. Tras un corner, Adiguibe resolvía metendo a bota e superando aos defensores, que cando sacaron o balón xa traspasara a liña de meta.
A pesar de xogar en contra do molesto vento, os granates seguiron co seu bo facer, incluso logrando ganduxar boas combinacións, pero especialmente moi concentrados, o que lles permitía anticiparse case sempre aos seus rivais. Precisamente nesas armas hai que buscar a orixe do segundo tanto que remontaba o marcador. Foi Nacho López quen se anticipou nun balón por alto deixándoo dentro da área. Adiguibe estivo máis rápido que ninguén e coa esquerda disparou con dureza para que, tras rozar en Juan, terminase dentro do portal canario.
Aínda puido chegar un terceiro tanto nun gran balón interior de Romay para Pedro Vázquez, pero un defensa local cruzouse para evitar que o remate terminase no fondo da rede.
Superados en todas as liñas, os locais unicamente puxeron a proba a Edu nos últimos compases do primeiro tempo, cun disparo duro a media altura de Alberto Reina, que rexeitou con acerto o meta granate.
A segunda parte comezou co mesmo signo, a pesar de que o técnico local, Juan Manuel Rodríguez, realizou dous cambios ao comezo e logo un terceiro moi rápido, esgotando substitucións en busca do que necesitaba o seu equipo. Respondeu Pouso dando entrada a Álex Fernández por Sana, que estaba amoestado, co fin de evitar o sucedido na saída anterior.
Entre unhas cousas e outras, os canarios, obrigados, adiantaron liñas mentres o Pontevedra daba un perigoso paso atrás, permitindo ao conxunto amarelo pisar con insistencia o campo galego.
Os de Pouso, con todo, defendíanse sen demasiados abafos, ata que nun balón centrado desde a dereita Alberto Reina atopouse só cun balón que rematou mal, polo centro, aos pés de Edu, que salvou o empate que xa se cantaba nas bancadas.
Na recta final, o Pontevedra estivo preto de sentenciar en varias contras, especialmente nunha que terminou cun remate de cabeza de Pedro Vázquez, anulando o gol o colexiado por fóra de xogo do dianteiro granate.
Así, con bo xogo na primeira parte e oficio na segunda, o equipo de Carlos Pouso fíxose cun meritorio e xusto triunfo nun escenario complicado e fronte a un rival que levaba cinco xornadas invicto no seu feudo.
LAS PALMAS ATLÉTICO (1): Álex Domínguez; Jesús Fortes, Cristian Abreu (Joel, minuto 46), Juan, Dani Martín; Josemi, Gorka Garai; Alberto Reina (Juan Fernández, minuto 46), Toni Segura (Isidro, minuto 62), David Herrera; e Rober.
PONTEVEDRA CF (2): Edu; Nacho López, Víctor Vázquez, Jaouad, Álex González; Sana (Álex Fernández, minuto 57), Berrocal; Pedro Vázquez, Romay, Álvaro Bustos (Campillo, minuto 78); e Adighibe (Javi Pazos, minuto 76).
Árbitro: Gerard Brull Acerete (Cataluña), auxiliado nas bandas por Oriol Jarit Mesa e Sergi Rimbao Guillaumes. Expulsou por dobre amoestación ao xogador local Jesús Fortes (minuto 83). Amoestou a Juan e Joel, en Las Palmas Atlético, e a Sana, Berrocal e Javi Pazos, no Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 5: David Herrera. (1-1) Minuto 21: Adiguibe. (1-2) Minuto 29: Adiguibe.
Incidencias: Anexo Estadio de Gran Canaria (Las Palmas). Uns 200 espectadores.
Relacionadas:
-
Pesadelo antes do Nadal do Pontevedra na cancha do pechacancelas (4-1)
Por Manu Otero |
-
Gran partido dun Pontevedra que puido golear ao Rayo Majadahonda para terminar sufrindo (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Oportunidade de ouro para o Pontevedra na visita do Rayo Majadahonda a Pasarón
Por Diego Espiño |
-
O VAR, segundo Carlos Pouso: "Si el árbitro se equivoca en contra, te jodes"
Por Diego Espiño |
-
Churre: "Mientras no me escache de todo estaré disponible para el míster"
Por Diego Espiño |
-
Xornada de solidariedade no Pontevedra-Rayo Majadahonda
Por Redacción |
-
Xogar lonxe de Pasarón deixa de darlle medo ao Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
As tarxetas amarelas, un problema para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra viaxa con 16 xogadores para enfrontarse o Las Palmas Atlético
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Álvaro Bustos non conclúe a sesión no regreso do Pontevedra aos adestramentos
Por Diego Espiño |
-
Dominio sen froito do Pontevedra sobre o Langreo en Pasarón (0-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |