Lesións e sancións deixan o Pontevedra xusto de efectivos
Por Diego Espiño
A derrota en Eivissa ante a Peña Deportiva deixou consecuencias no Pontevedra Club de Fútbol, máis aló da perda de puntos, en forma de lesións e sancións.
Preocupa o estado de Campillo, que tivo que deixar o seu lugar no campo á media hora de xogo a Santi Figueroa debido a molestias musculares na zona isquiotibial da súa perna esquerda. É a mesma zona onde se produciu unha importante rotura muscular da que acaba de recuperarse, polo que o defensor optou por pedir o cambio para tentar non agravar o problema. Tamén o propio Figueroa acabou despois o choque con problemas.
A falta de que se lle realicen as probas pertinentes para confirmar o diagnóstico, o certo é que Campillo convértese nunha dúbida máis que seria para o duelo do próximo domingo 1 de decembro en Pasarón contra o Langreo, unha ausencia na liña defensiva que se vería paliada co regreso de Nacho López se se cumpren os prazos previstos.
Outro que caerá do once, este con total seguridade á espera de que se publiquen as sancións desta xornada, é o centrocampista Sana N'Diaye, expulsado por dobre tarxeta amarela, sendo a segunda delas unha acción sobre o papel evitable.
Serán dúas baixas que se unen á do lesionado de longa duración Javi López e ás dúbidas sobre o estado físico de Brian Jaén, que non viaxou a Baleares por unha lumbalxia, e sobre todo de Alfredo Mejía, que tampouco entrou na convocatoria por unha microrrotura muscular. Pola súa banda Naveira perdeu o choque por un profundo corte na tibia que precisou de puntos de sutura.
Tamén Adighibe concluíu o choque ante a Peña Deportiva con molestias nun xeonllo, aínda que no seu caso confíase en que poida estar plenamente recuperado para o domingo.
En todo caso, Carlos Pouso afronta esta semana cos efectivos xustos. Xa viaxou a Eivissa con só 16 futbolistas do primeiro plantel máis o canteirán Diego Dadín, sen chegar a completar a lista de 18 que permite o regulamento, e o certo é que contra o Langreo podería darse a mesma situación tendo que recorrer á canteira para completar a convocatoria.
TRES XOGADORES, AO BORDO DA SUSPENSIÓN
A situación sería máis dramática se dous futbolistas, habituais titulares, tivesen visto un cartón, o quintao da tempada. É o caso de Churre e Álex Fernández, que estaban apercibidos de sanción, unha situación á que se uniu Pol Bueso pola tarxeta vista ao cometer o determinante penalti que supuxo a derrota nas illas.
Por detrás deles, cinco futbolistas aparecen con tres amoestacións: Berrocal, Adighibe, Álex González, Sana e Álvaro Bustos.
Relacionadas:
-
Dominio sen froito do Pontevedra sobre o Langreo en Pasarón (0-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Pouso ve ao seu Pontevedra ben para recibir ao Langreo e confía en que haxa melloría
Por Ramiro Espiño |
-
Alfredo Mejía: "Me ha sorprendido cómo la gente vive el fútbol en Pasarón"
Por Diego Espiño |
-
Un erro de vulto de Pol Bueso no desconto cústalle a derrota ao Pontevedra en Santa Eulalia (1-0)
Por Diego Espiño |
-
Pouso non forzará os lesionados: "Conmigo de la camilla al campo no va a jugar nunca nadie"
Por Diego Espiño |