A estatísticas, fiel reflexo do cambio de rumbo no Pontevedra
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol é outro. Nas últimas catro xornadas de liga, desde a saída de Luismi, o conxunto granate deu a volta á súa mala situación con catro vitorias consecutivas, o que lle colocou a tiro de 3 puntos das prazas de play- off.
Ese cambio viuse reflectido de maneira notable nas estatísticas do equipo, que por unha banda melloraron moito a nivel defensivo pero que tamén o fixeron na media de goles anotados.
Así cando se produciu a substitución no banco, tras a derrota ante o Getafe B (2-3), o Pontevedra acumulaba só 11 goles a favor e ata 18 en contra en 9 xornadas de competición, ou o que é o mesmo apenas marcaba 1,22 goles por partido e encaixaba 2 de media, unha situación que deixaba ao equipo con 9 puntos a só 1 da zona de descenso, nunha situación realmente comprometida que era peor polas malas sensacións que transmitían sobre o terreo de xogo.
Sen embargo todo empezou a cambiar primeiro con Jesús Ramos e agora con Carlos Pouso como novo adestrador. En catro xornadas os granates pasaron de estar ao bordo do descenso e a 8 puntos do cuarto, a Pena Deportiva, a poñerse sétimos a tres puntos do equipo balear, que precisamente será o seu próximo rival (domingo 12:00 horas).
Durante estes catro partidos os goles encaixados por Edu Sousa reducíronse a 3 (0,75 de media por choque), mentres que as dianas na portería contraria disparáronse ata as 11 (2,75 goles por partido), todo un cambio de tendencia que se viu adornado ante o Marino de Luanco co feito de manter a porta a cero, terceira vez que se logra esta campaña tras a primeira xornada contra o Coruxo (2-0) e o triunfo en casa do Oviedo B (0-1) a finais do mes de setembro.
O propio Carlos Pouso recoñeceu tras o duelo do domingo que aínda falta moito para que o Pontevedra se pareza ao que el quere reflectir sobre o campo, pero con estas cifras a transformación faise máis sinxela.
NACHO LÓPEZ, CO GRUPO
Unha das mellores noticias do comezo da semana para o primeiro plantel foi a incorporación co grupo de Nacho López, na fase final de recuperación da lesión muscular que lle deixou fóra as últimas semanas. O lateral, aínda con precaución, ten previsto ir aumentando a intensidade no seu traballo ao longo da semana, aínda que se presume complicado que poida estar dispoñible para a viaxe ás Illas Baleares.
Pola súa banda Berrocal si confía en recibir a alta médica e estar por primeira vez dispoñible para entrar na convocatoria desde a chegada do novo adestrador.
Relacionadas:
-
Un erro de vulto de Pol Bueso no desconto cústalle a derrota ao Pontevedra en Santa Eulalia (1-0)
Por Diego Espiño |
-
Seguinte parada na escalada do Pontevedra, Santa Eulalia del Río
Por Diego Espiño |
-
Pouso non forzará os lesionados: "Conmigo de la camilla al campo no va a jugar nunca nadie"
Por Diego Espiño |
-
Álex Fernández recupera o sorriso no Pontevedra e pide aprender "de lo que nos ha pasado"
Por Diego Espiño |
-
Carlos Pouso deixa claras as súas intencións: "Quiero ser más Liverpool que Barça"
Por Diego Espiño |
-
Máis goles que fútbol no triunfo do Pontevedra sobre o Marino de Luanco (3-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra recibirá o Ibiza na primeira rolda da Copa do Rei
Por Almu Dapena |